Construción de dornas en Porto do Son

barcaManuel Mariño del Río. As dornas de calime son unhas embarcacións antigas que se constrúen con cinco táboas anchas en cada costado de xeito que o bordo da superior ía montada sobre a inferior. A táboa que vai por riba da liña de flotación recibe o nome de táboa de cubrir.As seguintes son a de virar, a do plan, a da quilla e o par da quilla. Polo interior van reforzadas con listóns. A roda de proa é vertical por riba da auga e únese á quilla cun arco de 90 grados, e a estampa de popa vai inclinada cara atrás acubillando o temón que cala algo por debaixo da quilla. Para navegar usan a vela de relinga, e tamén ao terzo. Levan dous remos que se empregan cruzados. Basicamente, fanse dous tipos de dornas. As máis pequenas, chamadas polbeiras, destínanse á captura de polbos e luras, e as máis grandes, chamadas xeiteiras, á pesca da sardiña coa arte do xeito. A partir de 1940 comezaron a facerse dornas de tope, empregando cadernas.

No concello de Porto do Son, contrariamente ao que se pensaba, construíron dornas un bo número de carpinteiros de ribeira demostrando a importancia deste gremio na ribeira sur da ría.

Desde 1844 aparecen rexistradas 29 dornas en Porto do Son, se ben non figuran os carpinteiros que as construíron. En 1880, Antonio Ben realizou 11 dornas, Segundo Abal 6 e Andrés Domínguez 1. En 1881 Manuel Amar 3 e, en 1900, José Tomé Avilés 4.

Para locais e de Noia

Juan de Dios Romay, entre os anos 1903 e 1905, construíu 54 unidades en Portosín para outros tantos armadores locais e catro de Noia. As máis pequenas, de catro metros de eslora, custaban 70 pesetas, e as máis grandes 90.

Eduardo Abal Vidal construíu 10 dornas entre 1903 e 1916 para outros tantos armadores da vila sonense. A dorna Dolores, construída o primeiro ano, tiña 7,40 metros de eslora e un arqueo de 3,70 TRB (tonelaxe de rexistro bruto). Custoulle ao armador sonense José García Gines 425 pesetas. Foi a dorna de maiores dimensións construída nos estaleiros da ría de Muros e Noia durante o período 1901 a 1950.

José Tomé Avilés, entre os anos 1904 e 1941, construíu 11 dornas de diferentes tamaños para dez armadores de Porto do Son e un de Carreira por un valor que oscilaba entre as 100 pesetas, a máis pequena, de 4 metros de eslora, e 425 a máis grande, de 5,30 metros.

Eladio Santos Carou, entre 1904 e 1926, construíu 14 dornas para 12 armadores locais e outros dous de Noia. A máis grande medía 6,30 metros de eslora e custoulle ao armador Manuel Castelo Sobrido 450 pesetas. As máis pequenas, de 3,30 metros de eslora, que foron para Noia, 200.

Gerardo Santos Santos construíu dúas dornas grandes para armadores de Porto do Son e outra máis pequena para un armador de Baroña.

Ademais destes, houbo outros pequenos carpinteiros de ribeira que tamén construíron dornas no concello sonense: Manuel de Dios Romay, Ramón García, Saturnino Agraso Rodríguez, Gumersindo Laíño Fandiño, Juan Fernández González, e Manuel Piñeiro Calo, en Portosín; José María Abal Vidal, José de Dios Romay, José Reirís Sieira, Manuel Martínez Montes, Juan Ramos Romero e Antonio Tomé Avilés, en Porto do Son; e José Priegue Rama (dúas, en Baroña). En total, realizaron 14.

No período 1844-1950 construíronse nos distintos estaleiros da ría de Muros e Noia un total de 246 dornas, das cales 160 (o 65,04 %) saíron dos pequenos talleres dos carpinteiros de ribeira de Porto do Son.

3 comentarios en “Construción de dornas en Porto do Son

  1. Manuel:
    Preciosa historia la de las dornas desde sus comienzos.
    A mí, este tipo de embarcación, me trae grandes recuerdos de mi niñez. Por eso cuando veo alguna, mi estado emocional sube de tono.- Hay momentos, cuando me acerco al muelle, que me entran unas ganas tremendas de subirme a una dorna y empezar a remar, “ainda que sexa suavemente porque un xa non está para grandes esforzos”.

    Recuerdo que, en mi adolescencia, el padre de una niña nos dejó subir a una, pero con la condición de que la pusiéramos en movimiento con nuestro propio esfuerzo, es decir: que nosotras fuéramos las protagonistas de remar para poner la dorna a navegar. Al final, incluso me salieron ampollas por el esfuerzo realizado, pero contenta por haber conseguido cumplir esa ilusión.- Me imagino que por su tamaño, eran las polbeiras dedicadas a la captura de polbos y también a la lura como bien dices.

    Es por lo que, desde aquí, os aplaudo por traernos el recuerdo del ayer con vuestros magníficos artículos. Sobre todo, en momentos tan difíciles como los que estamos pasando por la situación de esta malvada pandemia.
    Un cordial saludo, desde Palmeira.

  2. Bos días, Manuel:

    Non sei si te soa o nome de meu tío Antonio González. Era un carpinteiro de praia que mamou o oficio dende neno. Tivera moi pouca escola pero era intelixentísimo. Ata o derradeiro día non deixou de arranxar as dornas dos vecinos de Palmeira. Sabía facer a escala co compás, e aplicaba técnicas para saber os efectos da carga. El falando da brea, das táboas de cubrir, as de virar, da aixola, da xunteira, das varengas ou da caverna do meo, xa estaba na gloria, que con toda seguridade será donde hoxe se atope porque, si era bo carpinteiro, aínda era mellor persoa.
    Un recordo para meu tío González (así era coñecido) e un cariñoso saúdo para ti, dende Palmeira, Manuel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *