Galicia e os galegos na poesía castelá CXLIV. Torcuato Luca de Tena

Torcuato_Luca_de_TenaRomán Arén. Por idade Torcuato Luca de Tena (1923) pertence á xeración de Carlos E. De Roy, Rafael Montesinos, José Hierro e Pablo García Baena, pero, aínda que comezou a súa carreira literaria como poeta, a crítica non o considerou nunca unha figura importante e o seu éxito, sobre todo popular, veulle como novelista. Os da miña xeración, e os da anterior, lembrarán unha novela de adolescencia, Edad prohibida, que fora publicada en 1957 ou 1958, case ao mesmo tempo que La vida sale al encuentro, de Martín Vigil. Novela amena, algo moralista, convencional, pero ben escrita, os críticos “serios” non a valoraron, pero o autor non carece de maña literaria. Tivo outros éxitos como Pepa Niebla (1970) e Los renglones torcidos de Dios (1979).

Publicou tamén ensaios, libros de viaxes, artigos no xornal, da súa familia, o <ABC>, e pertenceu á Real Academia Española dende 1973.

En poesía publicou Albor en 1941, Espuma, nube y viento en 1945 e Poemas para después de la muerte en1990. Moi amigo de Camilo José Cela, en 1996, para a obra Homenaje a Cela, dedicoulle os “Ovillejos a Camilo José Cela”:

Siempre mantuvisto en vilo,/Camilo,/y arrancaste el bisoñé,/José,/al que envidioso recela,/de Cela./Mas a nosotros conxuela/que el trueno de tus talentos/hoy lo proclamen los vientos,/Camilo José de Cela./De la vanguardia en el filo,/Camilo,/no hay secreto en el por qué,/José,/hoy navegue a toda vela,/de Cela./la esplendente carabela/de tu genio literario…/¡fuera del mar ordinario,/Camilo José de Cela!

O ovillejo foi quizais inventado por Cervantes e non moi empregada como estrofa, aínda que hai exemplos en Zorrilla ou Unamuno.

Torcuato Luca de Tena faleceu en 1999.

Un comentario en “Galicia e os galegos na poesía castelá CXLIV. Torcuato Luca de Tena

  1. Bos días, Román:

    “Edad prohibida” non recordo habela lido, pero sí aínda gardo con cariño na memoria, (se non foi a primeira novela “gorda” foi a segunda que lin ) a que nomeas do sacerdote Martín Vigil “La vida sale al encuentro”. Digo que non recordo se foi a primeira porque unha compañeira do taller donde bordábamos prestárame duas, unha era esa, e a outra era “Que el cielo la juzgue, de Ben Ames Williams.
    Novelas completamente diferentes pero que recordo con especial cariño por ser tan diversas ás que eu lle roubaba a miña nai de Corín Tellado. Despóis de ler esas duas, a de Gijón, e Carlos de Santander, xa quedaron esquecidos.
    Recordo que o pai do protagonista (Un rapaz de quince anos chamado Nacho) tiña un barco, e non me podo esquecer tampouco do que Martín Vigil me fixo chorar navegando con eles nesa embarcación chamada “Barlovento”.

    Que teñas moi bo día, prezado Román.
    Unha aperta palmeirana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *