263 mandas para Isaac

Retrato a fío de Ana de Vilatuxe sobre debuxo de Siro

Retrato a fío de Ana de Vilatuxe sobre debuxo de Siro

Pilar Sampedro. Porque “manda” é un agasallo, unha doazón, un legado… aí están as 263 mandas que se envían a Isaac polo correo da inmortalidade.

Porque manda é o que se pode coller, dunha vez coas mans, aquí está este monllo de obras que van dende as pinturas e esculturas ás fotografías e instalacións, dende as pezas musicais e as artesanías de todo tipo (pezas de xoiería, téxtil, cerámica…) á escrita en forma de narración, poesía, ensaio… e outras de difícil enmarque.

Porque manda tamén é un grupo que vai xunto, é dicir, un conxunto de elementos, aí os estamos, todas e todos os que detiveron o seu andar para dedicarlle un tempo ao Isaac.

Nacer do anonimato para facer visible a quen homenaxea a Díaz Pardo, presentarse baixo un nome: Alento esbravexo que decidiu Martiño Picallo, e que explicou: “Alento, polo alento que precisamos nesta empresa; esbravexo, un adxectivo que utilizaba Xohán Xesús González e que vén sendo sinónimo de bravo ou con rabia. Alento, ánimo, azos, folgos para botarnos a andar. Andar con bravura, sen agardar a pedir permiso, sen esperar por ninguén… porque non hai tempo que perder para honrar a quen nos honrou, e tamén con rabia porque houbo quen lle fixo mal, quen o quixo deshonrar e houbo quen asistiu indiferente ao abuso.

A iniciativa serviu para o seu fin, o de lembrar o papel fundamental do home máis importante de Galicia no século XX, pola súa obra, pola creación de industrias e comercios con selo propio, por poñer as columnas que sostiveron a obra de moitos outros e outras, por montar infraestruturas e estruturas para a cultura, por comezar a recuperación da memoria histórica, por darnos pratos para comer e libros para alimentarnos… Por tantas cousas! Pero, ademais, a proposta serviu para demostrar que máis alá das institucións e as asociación, a sociedade civil pode traballar de un en un ou de sete en sete, botando a andar aquelas empresas que consideramos imprescindible. Esta manda ou encargo é a demostración de que todo é posible, un empeño que xa se sentiría satisfeito publicando as mandas dende o primeiro día de aparición do blog ata o 20 de agosto (día do aniversario de Isaac) e non digamos ata o 31 de decembro do 2020 (ano no que el cumpriría un século) pero que chegou ata o 6 de abril coa primavera abrollando (despois de pasar polo verán, o outono e o inverno dunha pandemia que semellaba  –semella– non ter fin). Foi posible, case nos supera, e despídese cunha frase que o di todo:

POR TI, ISAAC, VOLVERIAMOS FACELO

Día a día o escritor e debuxante, Héitor Picallo, envolveu cada unha das pezas cun relato que tiña un aire ao papel de Sargadelos deseñado por Isaac. Douscentos sesenta e tres días, duascentas sesenta e tres entradas no blog. Tentamos que se distribuíse a información, que a nova chegase a todo o mundo que quixese participar; nalgún caso incluso nos puxemos insistentes, noutros non quixemos intervir directamente porque nos daba pudor convidar a determinadas persoas ou entidades que sempre tiveron o camiño aberto e eran sabedores/as de que a súa intervención sería agradecida.

2 comentarios en “263 mandas para Isaac

  1. Prezada Pilar:

    Creo que é moi importante valorar persoas como Isaac Díaz Pardo. Un ten con el a sensación, como a ten con Rosalía ou con Castelao, que, máis alá das súas ideas políticas concretas, o seu único afán era unha Galicia mellor, máis alá de todo sectarismo. E iso é moi importante, máis aínda nos tempos que corren, dominados por petulantes que non aportan nada ao colectivo e que disfrazan o seu egocentrismo cun populismo lamentable.
    Pero tamén creo que é de xustiza felicitar a quen, máis alá de todo interese particular, poñen o seu esforzo en reivindicar e recordar figuras tan salientables.

    Unha aperta!

    1. Moitas grazas, Xosé Ricardo.
      É necesario poñer en pé iniciativas que defendan o colectivo, como ti ben dis, que non é facer outra cousa que soster o que aqueles outros e outras construíron con tanto esforzo.
      Saúde e república (permíteme neste día no que nos acordamos do que foi)!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>