Acción reacción

vieja-abuelita-de-la-historieta-con-mascarilla-contaminación-101741862Marina Losada Vicente. Non tiña bastante coa máscara, que agora leva gafas que se escurecen á mínima presencia de luz, polo que ten que sacalas na sombra. Non é pouca cousa, nunha muller de oitenta anos que baixa á vila, mañá e tarde, a facer compra ou a sentar nun banco da ribeira, cun tempo medio de vinte minutos viaxe, dependendo do que atope no camiño, que tanto fala con cabalos, burras ou cans como coa veciñanza, e que non entende de levar a máscara posta onde non hai xente.

Tamén está o pano, polo que tanto lle berran na casa, pero que a ela se lle coseu á alma desde que falta o fillo. Tanto sacar máscara e gafas, gafas e máscara, non fai senón ter que tiralo e colocalo e volta a empezar. A cousa vai, máis ou menos, así:

Cruza con alguén, pon a máscara. Entra na sombra, quita as gafas. Sente que a van adiantar correndo, máscara. O sol dálle na cara, gafas. Cáelle o pano, volve colocalo. Máscara… pano… gafas… Á persoa cívica non lle basta con selo, tamén ten que dalo a ver, e se abren unha ventá para sacudir unha alfombra, Andrea vese na obriga de pór a máscara, para dar exemplo. Aparca a repartidora do pan, aínda que a dez metros, pona. Tamén a pon, claro, se escoita unha sirena, non sexa a policía que lle quere pór unha multa. Agora un ciclista, agora o camión das bombonas, agora a peixeira… Ninguén diría que hai tanta vida baixando das Pedreiras.

Na última semana ten problemas para desenroscar as tapas dos frascos, mesmo para abrir o tarabelo do cortello. Os tendóns están tocados, dixéralle o amañador que a “derivou” á súa médica de cabeceira. Esta, ademais de antiinflamatorios, deulle unha nota para ir a un fisioterapeuta: Cóbado de tenista!

6 comentarios en “Acción reacción

  1. Como de costume, estoume a rir a cachóns coa túa entrada. Non sei como o fas que sempre das no cravo.

    Non me fales de gafas… Non fan bo apaño coa máscara; e se, por riba, engades o pano… Eu só o uso cando tomo un pouco o sol na terraza -faime máis avío que o sombreiro- libre de gafas e de máscara.

    Paréceme que o que ten Andrea é artrite reumatoide. Pero diso falamos noutra ocasión: oxe pasei a tarde lendo vellas cartas e, antes de ler a túa entrada, estaba chea de nostalxia.

    Que soñes fermoso.

    1. A nostalxia é inevitable, penso eu, nunha época na que temos que vivir tan condicionados por un virus. Eu, desde a máscara, perdín oído, ao tempo que perdín voz. Grito máis e escoito menos. Paradoxal. Tamén vexo peor, polo bafo. Procuro tempo para estar soa ao aire libre, e agradezo que por último permitisen tomar o sol na toalla, coas distancias todas, sen a máscara. Bicos, Carmen.

  2. Póis con toda seguridade que o cóbado de tenista xa me está agardando á volta da esquina porque fago o mesmo que Andrea.
    Vou sempre cos bolsillos cargados de galletas para que non me ladren os cans, e iso foi un acerto porque agora en lugar de asustarme, como antes o facían, tan pronto me ven xa lle dan ao rabo en señal de alegría porque saben que lles levo a lambetada.

    Marina, sempre me sorprendes co remate do artigo, é un pracer lerte.
    Moitos biquiños palmeiráns.

    1. Non está mal facerse amiga dos cans. Vexo que che funciona. Eu, cos que van soltos e cos donos xogando ao despiste, prefiro no actuar. Mesmo pego os brazos ao corpo para que non lle chamen á atención. Aínda que non o fago ver, incomódame que se me acerquen. Alégrome que segas gustando dos meus escritos. Bicos, Magdalena.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *