Lóxica tributaria

declaracion-rentaMarina Losada Vicente. Viñeron xuntos recoller a declaración da renda. No ano 1978 a normativa do IRPF non era a de hoxe. Para facerse unha idea, apuntar que non se podía desgravar polos fillos varóns maiores de vinte e cinco anos. Polas fillas si. E deducíase por “esposa”, non por “esposo”. Como a marea do ano anterior fora moi boa, entraron preguntando pola dolorosa. A de Gustavo, casado e con dous fillos, daba a pagar noventa pesetas. A de Paco, solteiro sen ningún cargo, ascendía a setenta mil, coa mesma retribución.

Na pesca de altura, na que andaban os dous de mariñeiros, a tripulación percibía un soldo base mensual e, ao final da campaña, unha porcentaxe sobre a venda das capturas. En casos así, a lei permitía ao pagador aplicar unha retención do dous por cento, que tiña que regularizar o traballador presentando a renda.

-O casado desgrava pola muller -comecei aclarando, e Paco interrompeume: -Desgrava por “unha” muller. Eu teño que manter a tres!-. Mireino con estrañeza, pensando se sería pai de familia e eu non o sabía.

-Teño que manter a miña irmá -continuou- que a aguanto polos sobriños, se non de que, que para facer de comer e pasar o ferro basto só. Teño que contentar a Rosiña, que me dá canta atención preciso na taberna, mesmo algún baile agarrado nas verbenas. E teño que pagar a María Espirituosa, que me saca o óxido de meses! Explicácheslles aos de Facenda que para o mesmo que ten un casado na casa, un solteiro necesito un mínimo de tres mulleres!

Gustavo, que xa asumira que lle tiña que prestar os cartos, porque Paco era incapaz de aforrar un can, cantou polo baixiño: -Razón que convence.

3 comentarios en “Lóxica tributaria

  1. Si señor, convence!!

    Qué son os impostos? A suma de todolos gastos do Estado.
    O caso é si se empregan ben e con xusticia.

    Marina, un gustazo. Saímos correndiño para poner a vacina.
    Bicos.

Deixa una resposta a marina Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *