A parella do lectoro

14820585659329Marina Losada Vicente. Na biblioteca, sentamos a ler un libro de animais: Cabalo, can, gato, pato, pavo, verme, caracol, lagarto, porco, mono, león, elefante, hipopótamo, golfiño, pingüín, oso, lobo, corvo, merlo… aínda que hai vaca, ovella ou balea, a maioría son nomes en masculino. Eu acostumo a pórlles parella. Cadela, gata, egua, becerra, elefanta, porca, leoa, tigresa. O neto fai das súas, atopa feminino onde non o hai: pingüina, lagarta, paxara… eu río. Ten tres anos, algo cedo para moita explicación.

Fago o propio coas profesións que máis aparecen nos contos: Bombeira. Doutora. Alcaldesa. Panadeira. Carpinteira. Mariñeira. O neno repite con total naturalidade.

Cando xogamos, se el é un mago, eu son unha maga. Se acaba campión, ten en min unha campioa. E se decide que é o maquinista do tren, recórdame que eu son a maquinista. Tamén son a camioneira do tráiler vermello e a capitá do barco pirata.

Despois de coller un novo libro, e aclarado que Sofía é a bibliotecaria e que nós non somos cliente e clienta como na tenda, porque aquí viñemos a ler libros, que non os mercamos, o neto dime que el é un lectoro. Mireino sen entender o que me dicía, pero el continuou serio: -Ti es unha lectora.

3 comentarios en “A parella do lectoro

  1. Un segundo libro, “coches, camiones, aviones y trenes” de Fisher-Price, debuxa todos os conductores homes: Tren, taxi, camión, barco, camión do lixo, furgoneta de correos, policía, globo aerostático, ala delta, helicóptero, barco, avión, excavadora, coche de carreiras, payaso, grúa, volquete, remolcador, cargueiro, barco de vela, moto acuática. Hai unha nena remando nunha barca e unha mamá nun coche particular. Punto.

  2. De seguro que teño eu un detector de terminación en masculino. De seguro que si. Podo resultar mesmo maniática. O caso é que a maioría dos contos están en masculino, que aparece como rol predominante e seguen reeditándose unha e outra vez. Teño nas mans o conto “O tigre que veu tomar o té”, de Judith Kerr, edición de Kalandraka do 2010. A mamá está na casa coa nena. O tigre come toda a comida que teñen e a nai non sabe que facer. Chega o pai co seu maletín de traballo e lévaas a cear a un restaurante. Ao día seguinte, a nena e a nai van facer a compra. Como o neto non sabe ler, recibe unha versión diferente, certo, pero non vai a tardar en ler os libros só.

    Por certo, moi bo o da túa neta co da menopausa. Bicos, Magdalena.

  3. Os netos, querida Marina, son un regalo de Deus.
    Nós, por desgraza só temos a Emma, pero énchenos a casa.
    Esta tempada vamos a recoller amorotes (fresiñas salvaxes) e sempre vamos recitando poesías ou tratando de saber dicir algún que outro trabalinguas ,e rímonos moito. Dentro duns meses cumprirá once anos é o outro día deixóume parva. Ela iba ensinándome os verbos (que agora para min, tarde piaches) e eu pregunteille si sabía o significado da frase “toda regla tiene su excepción” pero en lugar de decirllo tal como agora acabo de escribilo, fíxenlle a pregunta desta maneira: Dime o significado de cando a excepción da regra se converte en norma. Ela revirouse, e mirándome con sorrisa de pilla, díxome: Iso é a menopáusia, avoa.

    Moitos biquiños, querida Marina. Disfruta moito do netiño como eu procuro facelo ca miña.

    Moi bo iso de aparellar aos animáis. Como di o refrán “Cada ovella ca súa parella”.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>