Literatura e territorio

Pilar Sampedro. IMG_20170602_111642 (1)Hai palabras que se unen en correntes subterráneas que se mesturan nas profundidades. Estou pensando en texto e téxtil ao que se ten referido Irene Vallejo facendo mención a como as mulleres, ao tempo de coser ou tecer, contaban as historias que ían pasando de boca en boca. Para min, texto e téxtil, ademais dese encontro, teñen outros nos que me irei parando ao longo do tempo (de habelo), por exemplo, esa maneira na que me emocionan as iniciais bordadas sobre o enxoval, ou a efixie de Isaac Díaz Pardo cosida nunha tea branca polas mans de Ana para falar de agradecemento máis alá das inxustizas. Ganduxar, coser, remendar, bordar… é debuxar nas teas. Pintar con fíos. Os mesmos fíos que se tecen para construír unha rede que nos conecta co pasado, nos sincroniza no hoxe e nos proxecta ao mañá.

De todos os xeitos, do que quería falar hoxe é doutras palabras que semellan escollidas nun binomio fantástico digno de Rodari. Literatura e territorio. Fágoo porque lembro as verbas de Antón Lopo presentando a Biblioteca de Mesopotamia: “Reconstruír unha paisaxe literaria sobre a paisaxe xeográfica para darlle densidade de linguaxe ao horizonte que compartimos todas as mañás cada vez que espertamos: nomear o silencio orográfico da nosa identidade común”. Tamén porque hai uns días presentouse Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro. Un roteiro literario convertido nun groso volume que edita o concello da man da A. C. O Galo. IMG_20170602_125053Na lapela, Carlos Rodríguez (o profesor que está a organizar –para profesorado– itinerarios arredor de escritores/as ao longo do país) explica que estes teñen a súa orixe na literatura de viaxes, lembrando dende a Exeria ás xentes da Xeración Nós, e remata falando de como se vinculan os lugares a escritores como o Courel a Novoneyra, a Terra Cha a Manuel María, Mondoñedo a Cunqueiro…

Toda Galicia está vinculada a escritores e escritoras. Pois Rianxo non é só Manuel Antonio, senón tamén Castelao e Dieste; Noia de Avilés de Taramancos pero tamén de Fabeiro ou María Mariño; A Pobra de Valle, compartido con Vilanova e Santiago… Por iso, os itinerarios poden ser a pé ou tamén en coche, e destes pode dar noticias Felipe Senén como señor das viaxes polo atlas da literatura.

Isto faime lembrar o itinerario que en Noia fixeramos seguindo a Avilés, ou en Outes con Añón. Camiños polos que eles andaron, onde se escribiron as súas obras, lugares que eles citaron… biografía e bibliografía mesturadas, vida e obra amasada coa toponimia, coa paisaxe, coas pegadas que deixaron, coas que fomos construíndo arredor deles, porque O Courel xa non se mira igual despois de ler o señor d´Os Eidos e a Terra Cha adquire profundidade cando se recita

A Terra Cha somentes é:
un povo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá”.

2 comentarios en “Literatura e territorio

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>