Baudelaire: o Mal é (e) o Ben

BlVmUxPIYAA4LzPFidel Vidal. O Mal en si, fóra da dimensión lingüística, non existe. Materialízase a través da formación educativa que o cativo recibe ao longo do seu desenrolo en relación a determinadas condutas. ¿De que maneira? Segundo a valoración xerarquizada establecida pola arbitrariedade dos adultos, en especial a obediencia a estes. Non rebelarse. O mal, unha conduta mala, está ao servizo caprichoso dos educadores cando din que isto ou aquilo que ti fixeches está mal. Ou que non se debe facer. Se non o corrixes entón a conduta deixa de ser mala para trasladar o mal ao suxeito: ti es o malo. E no límite da suposta incapacidade da corrección o adulto pode diagnosticar o Mal como algo alleo que o domina. O Mal habita no seu interior, o Mal apropiouse do suxeito: o Demo no corpo.

O Mal, do latín malus, Maldade, Maleza, espesura de arbustos, bouza, “cousa mala” (Corominas), o que pode estorbar no desenrolo do sentido, o caos como ameaza á conciencia proxectiva, “o Mal non é ningún concepto; é máis ben un nome para o ameazador, algo que lle sae ao paso da conciencia libre e que ela pode realizar. Sae ó paso na natureza, alí onde esta se pecha á esixencia de sentido”. (Safranski, S., O Mal ou o drama da liberdade).

Non é preciso recorrer ao demo para entender o Mal. Segundo Safrasnki, o mal pertence ao drama da liberdade humana, porque o home non se reduce ás esixencias da natureza, é un animal “non fixado”, en expresión de Nietzsche. Nesta liña tamén andaba a se debater San Agustín: “Eu esforzábame canto podía para entender o que oíra dicir, isto é, que o libre albedrío da nosa vontade era a causa do mal que obrabamos”.

Así que o Mefistófeles de Goethe “obra o ben querendo o mal” e afirma negando. Do mesmo xeito que Barbey necesita ser tradicionalista e crente para poder blasfemar do pasado e de Deus, Baudelaire vai “descubrir a beleza na Venus negra, que é a plástica negación da Venus clásica, a Venus cándida” (Ortega y Gasset). A Venus de Baudelaire vai máis alá da estética, pertence á entraña viva do seu destino tan apaixonadamente perseguido. Rematou malamente, paralítico e mudo, vítima dunhas venéreas, de mal de amor, da enfermidade de Venus. “Sempre hai que volver a Sade, é dicir, ao home natural, para explicar o mal” (Baudelaire). A negación do Ben en Baudelaire é, de modo fundamental, unha negación da primacía do mañá: a afirmación, mantida simultaneamente, do Ben, participa dun sentimento que a veces guiábao na súa reflexión sobre o erotismo -afirma Bataille (A literatura e o mal)- e que lle revelaba “o paradoxal do instante, ao que só chegamos cando o rexeitamos, e que se escabulle cando intentamos apresalo”.

“Estou entre os rebeldes. Non quero ser un deses lambecús que temen molestar aos profesores. Vinganza de quen abusou dos seus dereitos”. Charles Baudelaire tiña 12 anos cando escribiu estas palabras: estaba farto dun capataz que, na súa escola, golpeara a un neno (Cita recollida de A. D’Avenia, “O aburrimento é (e) o novo”).

5 comentarios en “Baudelaire: o Mal é (e) o Ben

  1. Prezado Fidel:

    Antes de nada, parabéns de novo polos teus textos, polos teus comentarios e por eses deliciosos diálogos con Magdalena. De todos xeitos, escríboche porque a lectura deste teu texto coincideume coa lectura dun libro que, se non o coñeces, recoméndoche moi vivamente: El sadismo de Baudelaire, de Georges Blin, que tamén recomendo a todos os cafebarbantios aos que lles gustara o teu texto. Como sei que coincides comigo no gusto das citas, e non vas chamarme pedante por iso, aí van tres que aparecen nese libro, co único obxectivo de incentivar a súa lectura:

    NADA É MÁIS BONITO QUE O ESCÁNDALO QUE O VICIO PROVOCA NA VIRTUDE.
    O NOSO MUNDO É MOITO MÁIS DURO POR TER ENXENDRADO A CRISTO.
    SEÑOR DEUS MEU, FAI QUE O DEMO CUMPRA A SÚA PALABRA!

    Non estou de acordo con ningunha desas tres frases, por suposto, pero fan pensar.
    E moito. Diso vai este marabilloso libro.

    Fortes apertas!!!!

    1. Tomo nota. Quedo obrigado pola atención. Como vai de recomendacións, moi reomendables son as Cartas de Baudelaire a súa nai. Un auténtico delirio (aínda que esta non sexa a palabra máis axeitada para definilas). Respecto das frases, pois aí quedan, xa pensaremos nelas. Unha forte aperta e reitero o meu agradecemento.

    2. Os mocos, nós non os comíamos, sorbíamolos. Mesmo había algúns colegas que eran uns verdadeiros artistas mantédoos en puro vou-non vou. Estou contigo na foto que adxuntou o amigo Antón.
      Saúde.

  2. Unha vez chegou un cura a unha parroquia que se parecía moito a Sodoma é un pouco tamén a Gomorra. Cando tivo o coñecemento do cáncer moral que sufría a nova feligresía, dispúxose a erradicar a metástase do pecado. Cómo o fixo? Dáballe de penitencia o ter que pagar á Igrexa o triple do que habían pagado por consumar o seu vicio luxurioso.
    Non sei si consigueu este bo economista tonsurado con tan equitativa sanción, levar ao rebaño por bo camiño, pero o que sí logrou, foi que as arcas parroquiales chegasen a estar máis cheas que a de Pandora antes de soltar a todolos males.

    Ahí temos a valoración xerarquizada establecida pola arbitrariedade dun adulto.

    Pero logo hai outros pecados. Non sei si me engano pero creo que o do dibuxo é Saturno devorando ó fillo. Estes días estamos oíndo nas noticias, que un pai está facendo sufrir a moitas persoas, a unha nai e a duas rapaciñas que non teñen culpa de nada. Un Saturno mal nacido. Ese sí que é un gran pecado.

    Moitos castos biquiños, querido Fidel.

    YO DE TODO TE DOY gEstIcUlAdOr, sin pecado

    1. Mellor lle iría ao teu cura se, en lugar de perder o tempo e gañar cartos na súa parroquia, se dedicase a limpar a propia casa, a súa igrexa ateigada de pederastas, contados a centos por toda a xeografía. Maldición! O inferno ao que estamos condenados a maioria -mesmo eu con tres prazas aseguradas no ceo- toparémonos aló con eses pervertidos. Ou non? Talvez no último segundo do último suspiro arrepentíronse e -voila!- dereitiños a pasar a eterninade na gloria de deus. Gloria a Deus nas alturas, que polas baixuras a cousa anda un chisco alborotada.
      Castos e castros bicos á do Brañal de Palmeira.

      A CARA RAXADA DA XARARACA. NiQueLaDo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>