A atracción

atrapadoÓscar Reboiras. É superior a min. Quero escapar pero non podo. Míntome a min mesmo. Dígome que só cinco minutos máis, sabendo que se eses minutos se van estirar como unha goma de mascar ata facerme perder a noción do tempo. E volvo a mentirme ao día seguinte. E ao outro.

Porque si, vivo pegado a unha pantalla. Non me refiro tanto ás oito horas de xornada laboral, diante do ordenador do traballo, como ás que me absorben o siso despois. Acendo o móbil, coa ansiedade de quen pensa que o mundo puido cambiar dende onte e descúbrome vendo vídeos de xente que fai playbacks en TikTok.Busco en Twitter as últimas novidades informativas e entre os temas do momento non leo máis que insultos entre “fachas” e “comunistas”, entre usuarios que ofrecen a verdade e perfís que teñen a razón.

Non son desas persoas que presume de ver documentais nin de películas de Abbas Kiarostami. Eu estou a outro nivel. Son dos que necesita evadirse de cando en vez, rir con pelis parvas e comentar First Dates. Pero non podo deixar de preguntarme onde está o equilibrio. Cuestiónome en que medida non deixo de ser un deses habitantes da caverna de Platón, limitando o meu mundo a vídeos de gatos e a noticias que me contan a última foto de Jennifer Aniston en Instagram que deixou a todos coa boca aberta, mentres lle digo á miña filla Icía que espere un pouco, que teña paciencia, que papá está a ler cousas importantes no móbil, que xa xogaremos dentro de cinco minutos. Que son cinco minutos?

3 comentarios en “A atracción

  1. Magdalena, oxalá precisásemos o móbil só era cousas imprescindibles e nos embebésemos máis de boas historias e da vida real. Lamentablemente nas aplicacións do móbil traballan miles de enxeñeiros e de psicólogos que intentan que o mundo se reduza a unha simple pantalla.

    Está claro que Icía vale máis que todas as pantallas do mundo e está nun momento no que toca desfrutar dela.

    Encantoume a cita de Antón. De que libro é?

    Unha apertura e graciñas de novo polo teu comentario!

  2. Sempre é un gustazo verte aparecer, Óscar.

    Antón Riveiro Coello, no último dos seus grandes libros, di dun dos seus protagonistas, (Alfredo) “está tan embebido na historia e no poder das palabras que, cando o móbil estraga o ambiente, lle custa abandonar a ficción”.
    Eu tamén penso coma Alfredo. O móbil só un anaquiño, que non nos estrague ese tempo tan importante e fuxidizo. Os “Playbacks, Tik toks e Twitter” non son tan importantes coma Icía que xa debe estar feita una mociña.

    Encántame esa foto da orquídea embebida pola claridade que lle ofrece o día.

    Óscar, una aperta palmeirana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>