Galicia e os galegos na poesía castelá CXLVIII. Rodrigo de Reinosa e os tópicos galegos

descargaRomán Arén. Que sabio foi o desaparecido filólogo José Luis Pensado, o mellor coñecedor de Sarmiento e un estudoso do noso léxico, dos prexuízos sobre nós na literatura castelá e portuguesa, así como nos viaxeiro estranxeiros. Para maior mérito estes saberes divulgounos na prensa e logo compilounos en volumes como El gallego, Galicia y los gallegos a través de los tiempos (1985), un verdadeiro pozo de sabedoría e amenidade.

Dise a miúdo que os tópicos sobre os galegos son cousa sobre todo do século XVIII pero que comezan no XVI e continúan até hoxe. En Pensado aprendemos como algúns xorden xa na fin da Idade Media; no artigo “Galiziar el brone”, expresión empregada en Rodrigo de Reinosa e que logo vén tamén nas anónimas “Coplas de la Heria”. Os dous exemplos están a cabalo dos séculos XV e XVI. Parte da edición que Alonso Hernández fixo do Léxico del marginalismo del siglo de oro e da edición de Poesía germanescas que fixo John Hill en Indiana en 1945. Este é o exemplo de Rodrigo de Reinosa:

Muflamos de godería/el blancante y el cotón/y del picaño el ropón/que me Galizia este día.

Explica Pensado que unha puta, Catalina, está contando as súas aventuras e lle di: comemos de balde (muflamos de godería) a camisa e o xubón (el blancante y el cotón) e o ropón de picaño ou pícaro que me cabalgou ese día. É dicir, o que a follou, foi logo despoxado das roupas na mancebía, e que vendidas logo, permitiron comer de balde. De onde vén ese verbo “Galiziar”? Parece que ese significado obsceno viña xa dende o século XV e que se baseaba na crenza de que todas as emigrantes galegas eran prostitutas e ían a Castela exercer o oficio. De aí naceu a lenda da Cruz de Ferro, no porto do Rabanal, onde as galegas xuraban non regresar á súa terra do xeito que saíran: é dicir, ían virxes e volvían putas. A tanto levaba a miseria. Este uso de “Galiciar” foi moda pasaxeira, e só se conserva esoutro exemplo das “Coplas de la Heria”:

Atenta la marca oyó/lo que el rufo la a garlado/y como su intento vió/con semblante socarrado/desta suerte le cantó:/<Galiziar quiere el brone/y dize la chulama/Si la çica no clama/no será esta chone.

Chulana é puta, e di que se quere follar debe abrir a bulza (Eica), se non esa noite non será.

Conclúe pesado: “Parece que las gallegas fueron carne de lupanar en el siglo XVI, a tanto llegaba su desdicha y miseria; de esto se hace eco la literatura castellana del Siglo de Oro. Por tanto no sería raro que el fornicar se redujese en multitud de casos a acostarse con una prostituta gallega o de Galicia, así, por este camino, se originaría un verbo galiziar que primero significase cohabitar con una mujer de Galicia, y luego ampliase su significado a fornican sin distinción de nacionalidades”.

Rodrigo de Reinosa debeu nacer antes de 1460 e faleceu despois de 1515. Cabrales de Arteaga, en 1980 publicou La poesía de Rodrigo en Santander.

Un comentario en “Galicia e os galegos na poesía castelá CXLVIII. Rodrigo de Reinosa e os tópicos galegos

  1. Eu preguntaríalle ao do significado obsceno de “galiciar” aquelo que preguntaba sor Juana Inés de la Cruz :
    “¿ O cual es más de culpar, aunque cualquiera mal haga, la que peca por la paga, o el que paga por pecar ?”

    Qué envidia nos tiveron sempre aos galegos.

    Saúdos palmeiráns, Román.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *