O libro das profecías. “Asa de cántaro”

berza-asa-de-cantaroMauricia Ces Quintáns. — Un día fun á leira do Pedroso, na que entesta o cachón de Lela das Piñas. E, miña filla, quedei… parva! Quedei atónita!! Mi madriña!!! Unhas coles! Pero unhas coles!! Grandísimas!!! Máis altas ca min!! Unhas coles tremendas!!! Chámanlles… como lles chaman… cántaro, de cántaro!

— De asa de cántaro.

— Si, iso! De asa de cántaro, díxomo túa prima Xoana. Unhas follas grandísimas! Verdes, verdes… que xa se comían na leira! E, claro, eu, entusiásmome coas cousas, e sempre falo con Deus. Chámolle, así, con…

— Con signos de admiración e interrogación.

— Iso! Si. Eu dígolle: “Meu Deus!! Pero isto que é!!?? Estas coles tan altas, como as van a coller?

— Pois si; a verdade, é para pensar… hai que collerlle o tranganillo!

— De alí a alá, volvín á leira. E, eu, quedei tola! Tola da cabeza!! Aquilo estaba… desfeito! “Ai, meu Deus!! díxenlleMeu Deus, pero logo que pasou aquí? Que puido ser? Cousa de tal maneira non debe ser obra dunha persoa!!” As follas das coles arrincadas de cachón, tronzadas, esfiañadas… Unha desfeita de tal xeito, que semellaba feito por un animal; non podía ser acto dunha persoa. Así que, volvín pola volta, e fun pola de Manoel: “Manoel díxenlle e ti, viches as coles do Pedroso? Mira que chas debeu de comer unha burra, porque eu non encontro explicación! Ti, víchelas? — “Dillo aí, dillo aí!!dixo Manoelpor Lela— Foinas coller para facer o caldo!

E claro, deberon comer o caldo toda a semana, porque non deixou ningunha. E ben, eu non sabía que Lela tiña principios de Alzhéimer.

— Xa…

— E iso está escrito. Todo!! Todo o que me pasa a min, está escrito. O das coles… a min paréceme… porque eu xa o lin. Iso vén escrito na Biblia… ten que ser…

2 comentarios en “O libro das profecías. “Asa de cántaro”

  1. Eu penso que eso das coles do Pedroso, profetizouno aquel que lle chamaban “Nostradamus”, porque como era boticario, vaite ti a saber o que quería facer con tanta col no máis aló.
    Ese, tiña una cabeciña pensante que non podes darte idea.

    Moi bo, Mauri. Xa encaro o día cunha sorrisa.

    Biquiños dende o Brañal palmeirán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *