Gonzalo Trasbach. Aproveitando o tirón do documental que o cineasta Todd Haynes (Los Ángeles, 1961), The Velvet Underground, presentou na pasada edición do Festival de Cannes e que Apple TV+ estreou o día 15 deste mes, a compañía discográfica Verve decidiu publicar unha adaptación ou recompilación do crucial e primeiro álbum da banda que definiu a Nova York dos anos sesenta, cuxo son e actitude continúan resoando nos tempos actuais: I´ll Be Your Mirror: A Tribute To The Velvet Underground&Nico. Ademais, deste xeito a discográfica celebra un aniversario, o da aparición, fai agora 55 anos, dun disco considerado fundamental na historia do rock, o famoso LP que ten na portada unha banana e un só nome, o do seu autor: Andy Warhol.
Hai neste álbum homenaxe unha fonda reverencia cara ao material orixinal, que se considera intocable. E mesmo parece evidente que tamén existe neste traballo, como en case todos os desta clase, un ton desigual, aínda que sen dúbida honesto. Algúns dos intérpretes acertan máis e mellor ca outros, con achados sorprendentes mesturados con algúns que outros momentos menos inspirados. Mais todos os artistas participantes no disco amosan unha actitude e vontade de contribuír a crear una obra digna, á altura da orixinal.
Dentro deste contexto, pódese dicir que o repertorio arrinca cunha fermosa recreación de Mikel Stipe (REM) sobre a luminosa Sunday Morning, Tamén semella moi atractiva a lectura que fai Matt Berninger de I´m Waiting For The Man. En cambio, Sharon Etten e Angel Olson envolven nun ritmo demasiado lento e etéreo Femme Fatale. A forza de querer deitala sobre unha alfombra de cordas, Andrew Bird réstalle un pouco de brío a Venus In Furs, todo o contrario que un Kurt Vile que é absolutamente fiel ao espírito angustioso do orixinal en Run Run Run.
Pola súa parte, St. Vicent deconstrúe en exceso a marabillosa All Tomorow´s Parties, mentres que Thurston Moore e Boby Gilliespie respectan a crecente e envolvente tensión anímica que domina en Heroin. King Princes resolve con acertada eficacia a súa interpretación de There She Goes Again, namentres que Courtney Barnett trata con certa preguiza a memorable I´ll Be Your Mirror. Talvez a mellor versión, a máis enérxica e actual, ofrécena os irlandeses Fontaine DC, que dan un exemplo de saber converter en propia unha canción que compuxeron outros, como é The Black Angel´s Death Song. Matt Sweeney e Iggy Pop transforman nunha orxía European Son, unha melodía que está dedicada ao poeta e amigo de Lou Reed, Delmore Schwartz, quen apareceu morto no Chelsea Hotel en xullo de 1966.
Poucas máis cousas se poden engadir sobre un álbum de versións, que, como case todos deste carácter, xerará xuízos moi distintos segundo nos gusten máis ou menos os artistas que recrean os 12 temas do disco máis imitado da historia do rock, o cal veu a luz pública no mes de marzo de 1967. Ao coidado da produción estivo o especialista en recompilacións Hal Willner, íntimo amigo de Lou Reed, e que conduciu a supervisión ata que a Covid acabou con el no 2020.
Din os expertos que I´ll Be Your Mirror é talvez unha das mellores cancións da amor da historia do rock. Di así: <Serei o teu espello, reflectarei o que es/ Por se non o sabes/ Serei o vento, a chuvia e o crepúsculo/ A luz na túa porta/ Que che indica que chegaches a casa/ Cando creas que a noite caeu sobre a túa mente/ Que no teu interior es revirado e desagradable/ Déixame que che amose que estás cego/… Cústame crer que descoñezas/ A beleza que hai en ti/ Pero se non o sabes/ Déixame que sexa os teus ollos/ Unha man na túa escuridade/ Para que non teñas medo…>.
Lembremos que The Velvet Underground foi unha banda mítica, lendaria, cun enorme poder de atracción, e que inicialmente formaron Lou Reed, Mauren Tucker, Sterling Morrison e John Cale. Posteriormente entrou no grupo a modelo alemá Nico por imposición de Andy Warhol, o patrón de The Factory, unha institución importante no eido cultural de Nova York.
Verve era un selo clásico no mundo do jazz nos anos sesenta e fichounos coa idea de obter un rendemento comercial no puxante mercado do rock, o que non ocorreu no 1967, pero si na década dos setenta. Agora embarcouse nesta aventura coa intención de rendibilizar o tirón do documental de Todd Haynes (Los Ángeles, 1961).
O cineasta californiano culmina co documental The Velvet Underground unha senda paralela ás súas longametraxes, que comezara con Superstar: The Karen Carpenter Story (1987), e que continuaría con Velvet Goldmine (1998), reconto da ascendencia dunha figura do glamrock inspirada en David Bowie, que prohibiu o uso das súas cancións na cinta, e tamén con I´m Not There (2007), onde analiza o fenómeno Bob Dylan desde a perspectiva das múltiples personalidades que habitan dentro do autor de Like A Rolling Stone.
Agora Haynes, que compaxina con acerto esta vía musical con potentes películas como Lonxe do ceo (2022), Carol (2015), cóntanos a historia da banda neoiorquina dentro do efervescente contexto cultural da grande mazá e faino entrevistando os superviventes que estiveron alí e viviron intensamente aqueles axitados momentos.
Boa tarde-noite, querida Magdalena. Ti sempre tan amable e comprensiva. Non estou seguro de que sexa tan coñecedor da música, pero intento estar aí na dianteira, pero cada vez custame moito máis. Agardo que a información teña unha certa utilidade, nada máis. Un millón de gracias polas túas animosas palabras. Unha doce aperta.
Felicitacións, querido Gonzalo:
Ti, sempre ao día, incluso cos documentales de recopilaciós de música da que tanto sabes. Eu sobre iso non pode dicir “oxte nin moste” pero dende a seguridade da tua caritativa comprensión, sei que me perdonas. De todos modos escribas o que escribas, non deixo de recoñecer ese talento que tes para a música e do que eu son tan profana.
Moitos biquiños palmeiráns, amigo Trasbach.