Helena

Imaxe: Belén Rodríguez Pazo

Imaxe: Belén Rodríguez Pazo

María Xesús Blanco. HELENA. Gústame ver o seu nome escrito con letras maiúsculas. Ti ben sabes que é de orixe grega. Significa luz, escintileo, fulgor. Claro que os meus avós decidirían ese nome por outras razóns. Pero nestes días non fago máis que pensar en mulleres que se chaman coma ela. Tamén en personaxes mitolóxicas e literarias. Dende Helena de Troia a Helena Pazo, a dona desta galería de arte. Supoño que polas últimas lecturas, polo premio. E porque dun xeito ou de outro téñoa no pensamento a todas horas.

É moi duro. Xa cho dixen. Por iso estou tan emocionado ao ver premiada esta acuarela inspirada nela. Na súa beleza intelixente. Nos seus ollos agarimosos e tristes. Mamá era única. Elegante, forte, tímida, confiada. Nunca imaxinamos que a súa vida estaba en perigo, non ata ese punto. E que o noso pai era un louco malnacido que nos levaría a este inferno que estamos vivindo. Aínda hoxe non son quen de comprender como non nos decatamos do que estaba acontecendo. Doe moito a ferida. Moito. Non quero lembrar. Non. Non quero afondar niso. Non podo falar del. Hoxe non.

Eu son o maior, ben o sabes. E tocoume sacar forza de embaixo das pedras. Para superar a morte de mamá e para tirar dos meus irmáns. Pensei que toleaba. Como lles contas a uns nenos de dez e de oito anos o que aconteceu? Como lles explicas que endexamais volverán ver a súa nai e que o seu pai é un monstro? Só tiña dezaoito. Imaxínate o impacto. Claro que a familia de mamá nos axudou. Claro que si. Pero tiven que pospoñer os meus plans. Deixei os estudos. Empecei a traballar de camareiro, de pinche de cociña, no que me ofrecían. Gastei moito tempo cubrindo papeis e solicitando axudas, para o coidado dos meus irmáns, que nos deron tarde e mal. Os primeiros meses choraba todos os días. Insoportable vivir coa ausencia de mamá e co pesadelo de ser fillo de alguén coma o meu pai. Oxalá non saia nunca do cárcere. Oxalá. Esnaquizounos a vida.

Pintar sempre pintei. Xa cho dixen. Dende pequeno. Canto lle gustaban a mamá os meus debuxos! Sempre me animou. Dicíame que tiña un don. Agora teño decenas de pinturas. A maioría delas están inspiradas en rostros de mulleres. Creo que en todas as miñas creacións hai algo dela. Ás veces paréceme incrible que esta acuarela fose premiada. Como me gusta vela na portada dos xornais, nas redes sociais, aquí na galería de arte, en todas partes. Pero non por min. Por ela. Para que todos saiban que era unha muller extraordinaria. Que era e que será sempre un faro para todos nós. Como me emociona ver o seu nome de primeiro no anuncio da exposición! HELENA. Así con letras grandes e maiúsculas.

4 comentarios en “Helena

  1. María Jesús:
    Triste tu historia, pero a la vez bonita.
    Como bien dijo Carlos: hasta de las situaciones más duras, se puede escribir algo bello; por lo menos emocionalmente.
    Me gustó tu historia.
    Un cordial saludo.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>