Vida e democracia

hands-1768845_1920Ignacio Castro Rey. Mentindo sobre o poder que eles mesmos exercen, ás veces case caciquil, moitos intelectuais seguen enchendo o seu peito cos supostos valores universais da democracia. Decotío todos nós temos na boca as verbas internacionalglobalinterdependenciaconsensoPor baixo, porén, corre a vella lei da forza persoal, militar, política ou económica. E isto tamén ocorre no sagrado campo da cultura. Freud sería mundialmente coñecido se fora portugués? Sylvia Plath seríao se nacese en Badajoz? Se Víctor Erice, Uxío Novoneyra ou Marcelo Barros fosen parisiense a súa proxección mundial sería abafadora. E non é o caso.

Baixo corda, ocultas liñas de coacción deciden o curso dos mercados, tamén na feira da opinión. Presumimos de ser libres, pero imos aos mesmos sitios e consumimos marcas simétricas, sexan maioritarias ou minoritarias. Sobre todo, non nos atrevemos a pensar nada seriamente distinto nas cuestións candentes que polarizan a opinión pública. Sexa en canto ás cuestións de xénero, ao cambio climático ou á pandemia do Covid, coidámonos moito de non desentoar do ditado masivo.

O medo a non encaixar mantennos apertados. Mesmo os partidos situados no extremo do sistema político con frecuencia diferéncianse só en matices da liña principal. A propia figura do intelectual disidente está en dúbida, pois case todos queremos saír na foto maioritaria, aínda que sexa baixo a bandeira dunha minoría recoñecida. Nunha cuestión tan complexa como a recente invasión rusa, poucos intelectuais encontramos que se atrevan a expresar en alto unha posición distinta á que marca a corrección europea e estadounidense.

O ditado dos expertos, autorizados por non se sabe que formación de altura, ten substituído o pensamento. Cando por enriba oímos que a filosofía, a literatura ou o psicanálise, só poden medrar “en democracia”, o diagnóstico é para morrer a rir (ou de risa!). ¿Que é hoxe a democracia, como fórmula máxica universal, máis que un emblema na carreira militar e económica das nacións occidentais? Que é entre nós, se mesmo para decidir sobre a saúde persoal temos que consultar o labirinto normativo do Estado? Que é unha democracia cando nos aforra pensar e decidir persoalmente, abrindo comunidades distintas? Francia, Bélxica e Holanda acusaron a España, durante os anos nos que se intensificaba a ofensiva de ETA, de ser unha democracia imperfecta. Agora nós facemos o mesmo con Marruecos e México, non digamos con Venezuela, China ou Rusia. A chamada primeira democracia do mundo ten sido acusada de crimes de lesa humanidade en múltiples iniciativas militares, pero isto non chegará a uns altos tribunais creados a imaxe e semellanza de Occidente.

Porén, queda algo un pouco máis inquietante. Supoñendo que existise algo así como unha democracia verdadeira nalgunha parte do mundo, e non un ditado feroz da economía recuberto con formalidades retóricas, por debaixo desa hipocrisía pública podería ser democrática a vida común? Tendemos a converter o “menos malo” dos réximes políticos nunha nova encarnación de Deus, coa conseguinte lista de inimigos que se poden executar moralmente. Non obstante, sin saír dun mesmo, a existencia no é democrática. Pídeme permiso o meu inconsciente, negocia comigo cando e como interromper a vixilia da miña conciencia? Peor aínda, escollín eu nacer, o meu nome, o meu carácter e a cor dos ollos? O ser humano atópase sempre en medio dun fondo natal, non elixido, ao que hai que dar forma e palabras. Pretender outra cousa e querer “emendarlle a plana” á singularidade vital, implica confundir a relatividade do político co absoluto intransferible no que se debaten as existencias, esta “misión secreta” (Lispector) que é a vida de cada individuo e de cada cultura. A ambición dunha orde espectacular que tape a sombra non democrática que acompaña o vivir fainos cada día máis infelices. E máis rancorosos.

2 comentarios en “Vida e democracia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *