Revolución dos caraveis: a sombra trala luz

descargaGonzalo Trasbach. Todas as revolucións habidas e por haber pasan por momentos luminosos e agochan outros sombríos. Hai homes (máis ca mulleres, pois xa sabemos a querenza dos varóns por figurar nos fitos máis destacados da Historia), que son glorificados, loubados, condecorados… Pero hai outros que, pese aos indubidables méritos contraídos, son condenados a un rotundo ostracismo: resultan perigosos para os benpensantes membros do stablishment, pola admiración e devoción que espertan entre as capas populares.  Dito isto de carácter xeral, lembremos que o pasado 25 de abril celebrouse o 48º aniversario da Revolución dos Caraveis de Portugal, aquela que tanto nos conmovera, emocionara e ilusionara a moitos da nosa xeración. Na madrugada daquel día de 1974 arrincou a historia dun dos persoeiros que non gozou nin da gloria nin chamou a atención dos focos que se acenderon tralo  éxito do movemento que liberou o país veciño da longa noite de chumbo na que estaba sumido. Máis ben foi condenado aos calabozos do esquecemento: Fernando José Salgueiro Maia, capitán da Escola Práctica de Caballería (Escola Prática de Cavalaria) na gornición de Santarém. Desde esta cidade, situada a uns oitenta quilómetros da capital, partiu o mozo oficial con dirección a Lisboa, á fronte dunha columna de tanques obsoletos, para apoiar a Operación Fin do Réxime, o levantamento que finalmente derribou a ditadura máis lonxeva de Europa.

Aínda que eran moitas as persoas que o apreciaban e admiraban, Salgueiro foi reducido ao silencio por parte do stablishment político-militar. O oficial que detivo a Caetano faleceu dun cancro no mes de abril do 1992, vinte anos despois do triunfo do levantamento militar. Con motivo do 48º aniversario daquel acontecemento que estremeceu a península Ibérica, unha película e a reedición da súa autobiografía aspiran a rescatar a figura de Salgueiro Maia da arca dos ignorados e ninguneados. Queren rescatar aquel oficial mozo que con só 29 anos foi o encargado de arrestar o primeiro ministro portugués, Marcelo Caetano, no Largo do Carmo.

5f15ef910f18bComa moitos militares da súa xeración, Salgueiro proviña do mundo rural e enrolouse nas filas do exército para escapar da fame e da pobreza. Adquiriu experiencia e curtiuse na guerra colonial que o seu país mantiña en Mozambique e Guinea Bissau, unha guerra que orixinou unha sangría incontible en mortes de homes mozos e no gasto das arcas dun país brutalmente empobrecido. Foi durante esta contenda cando o capitán se convenceu de que se necesitaba unha solución política para cortar esa hemorraxia. Nos escenarios africanos aprendeu a dialéctica coa que convenceu os seus soldados de marchar sobre Lisboa e pór fin a un réxime cruel e ignominioso. E de sumarse ao movemento das Forzas Armadas (MFA), que lideraba un variado grupo de oficiais, que levaban meses preparando a asonada.

Antes de dar un paso en falso, Salgueiro tiña que escoitar na radio os sinais de que a operación estaba en marcha. Rádio Emissores Asociados de Lisboa emitiu ás 11 da noite E despois do adeus, unha canción que acabou última no Festival de Eurovisión. E logo, pasada a medianoite, recibiu a confirmación definitiva na Rádio Renascença: Grândola, Vila Morena de José Afonso. A revolución tiña chegado. Unhas cantas horas máis tarde os lisboetas lanzáronse ás rúas e coparon as prazas da capital para apoiar, aplaudir e aclamar os militares rebeldes.

Na Pontiña estaba situado o posto de mando do grupo de oficiais que dirixía o levantamento: os chamados <Homes sen sono>, co maior Otelo Saraiba de Carvalho á fronte. Daquel sitio saíu a mensaxe que conduciu a Salgueiro Maia até o Largo do Carmo, onde estaba a sede da Garda Nacional Republicana (GNR) e onde se tiña refuxiado Caetano. Nos arredores do cuartel a multitude mesturouse cos soldados e comezou a repartir caraveis entre eles, caraveis como símbolo dunha revolución practicamente incruenta (só se rexistraron cinco mortos).

imagesCaetano escalara até a xefatura do poder ditatorial, ocupando o posto de Primeiro Ministro, cando sucedeu a Oliveira de Salazar no ano 1968. Na xornada do 25 de 1974 fíxose forte na sede da GNR. Houbo tensión, moita tensión, entre os fortificados e as forzas que mandaba Salgueiro. Despois da intervención do xeneral António de Spínola nas negociacións, Caetano cedeu e o mozo capitán das Forzas Armadas entrou na fortaleza e arrestouno. A continuación acompañouno nun tanque até o aeroporto, na que sería a súa primeira parada camiño do exilio de Brasil. Este comportamento, entre outros da mesma natureza, deste oficial foi o que cautivou á poboación portuguesa.

Mais as xerarquías político-militares non perdoaron a este capitán a honradez da súa firme actitude, que consistiu en non tomar partido, en non posicionarse a favor ou contra dalgún dos bandos que se estaban configurando para asaltar o novo poder. El só quería que se restablecese a democracia no seu país. Isto, segundo conta António de Sousa e Duarte na súa biografía: Un homen da liberdade (Áncora editora), que se publicou en 1995 e da que se venderon 60.000 exemplares e cuxa 13ª edición acaba de pórse á venda. Na película O implicado reivindícase a Salgueiro Maia coma o único heroe no Portugal do século XX.

Os principais e poderosos actores do stablishment sempre quixeron telo o máis afastado posible do seu ámbito de influencia. Sempre manobraron para telo nas marxes da administración, e das institucións do novo Estado. Temían que a súa popularidade e a admiración que espertaba nas capas populares se revolvesen contra deles. Por iso o destinaban constantemente a lugares onde non chamase a atención, nin o recoñecesen. Así pois, enviárono primeiro ás Illas Azores e máis tarde colocárono á fronte dunha prisión militar nas aforas de Santarém, cidade onde tiña empezado todo aquel 25 de abril de 1974.

Na súa carreira persoal só acadou o grao de tenente coronel. E só a título póstumo recibiu os máximos honores que outorga o Estado: <Cumprín a pena, sen saber por que me condenaban>, dixo ironicamente nunha entrevista. Relegado ao ostracismo case total, un cancro acabou coa súa vida en 1992. O goberno conservador de Cavaco Silva denegoulle unha pequena pensión polos servizos prestados. Sen embargo, si llas recoñeceu a algúns axentes da PIDE, a tenebrosa policía política da ditadura. <El participou nunha fazaña que aínda non rematou. Ninguén. Nin o tempo foi quen de destronalo>, enfatizou sobre a súa figura a escritora Lidia Jorge, nunha recente entrevista.

3 comentarios en “Revolución dos caraveis: a sombra trala luz

  1. Querida Magdalena:
    Muy simpática y oportuna tu anécdota, respecto al magnífico artículo de Gonzalo, sobre la Revolución dos Caraveis.

    Un abrazo a los dos.

  2. Juan, un compañeiro de traballo de J.M, sempre estaba cantando “Grândola, Vila Morena” (era portugués) e contábanos con moito orgullo o mérito da Revolución dos caraveis donde non ouvera nin un só disparo. Era un pracer escoitalo. Despóis seguía cepillando a madeira e volvía co retrouso da canción.
    Logo tamén nos contaba unha anécdota de Oliveira Salazar. Era máis ou menos así:
    Disque o dictador castigou con un imposto aos solteiros (había moitos e quería que procrearan). Cando foron a cobrarlle ese imposto a un home que descoñecía tal castigo, preguntou a que se debía aquela multa. Díxeronlle que era por estar solteiro. Cando o home replicou que o señor Oliveira tamén era solteiro, contestáronlle que non, que o señor presidente estaba casado coa Nación.
    - Ah..!! eu sabía que foder fodíaa, o que non sabía era que estaba casado con ela.

    Mil disculpas, Gonzalo.
    Unha grande aperta.

    1. Boa tarde, cara Magdalena. Disculpas por que? Encatoume esta anécdota. Encaixa de maneira natural co meu artigo. É unha alabanza para min que a contases aquí. Muito obrigado. Apertas.

Deixa una resposta a Gonzalo Trasbach Paz Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>