Alén dos campos de millo

pepeOliveira Casal. Nalgúns espertares, de cando en vez, abrimos os ollos á paisaxe. No meu recordo, a mañá do 17 de novembro de 1983 orballa con perseveranza endémica. Antes de aparcar diante do domicilio de Aurora, achégome á costa. Nos últimos anos perdín case todo o pelo. Debo comezar a pensar en afeitar a cabeza e mercar unha viseira. A friaxe da invernía fíltrase a través do meu coiro cabeludo e o vento que sopra do mar lambe de sal e nubes o maxín. Levo anos escoitando falar dela e ata hai 15 días non me decidín a dar o paso. Son menos cuarto. A auga da chuvia fusila a miña mirada con fonda teimosía mitolóxica.

É unha casa de aldea, illada. Os muros, de pedra do país. Timbro unha soa vez. Ábreme ela. O seu sorriso octoxenario ilumina o pórtico e esparexe lonxe o nerviosismo. «Bo día, meu agardado xornalista. A súa puntualidade é alpina. Pase, por favor, e quítese esa gabardina enchoupada». Sígoa coa levidade de quen se sabe habitando un soño. Séntame nunha butaca enfrontada á dela. Entre ambos, unha mesiña de braseiro cunha cafeteira de porcelana e dúas cuncas.

Cóntame que foi mestra máis de corenta anos na Pobra do Caramiñal. Non regresou á casa materna ata enviuvar. Escóitase unha voz anciá que pregunta desde o piso de arriba se xa chegou a visita. Aurora confírmao. «A miña irmá Leonor está encamada, pero conserva todo o sentido. Facémonos moita compaña. Ela tampouco tivo fillos». Fai cunca coas palmas, arrolando as ganas de comezar. Entrevístoa.

Xeografía humana

«A paisaxe era tamén o seseo e a gheada, o zunido das augas que baixaban do alto da Curota, o son do sacho fendendo a terra fértil, o recendo do bagazo, as cestas enriba do pano á cabeza. O fouciño e o camiñar das zocas das avoas abríndose paso entre a hostilidade e a exuberancia. Xeografía humana. As mulleres traballaban o agro. Só elas. Tamén mantiñan aos animais, facían o xantar e criaban aos meniños. Deseñei as preguntas coidadosamente. Para facer o estudo sobre a sexualidade e a menstruación entrevistei 15 mulleres e 15 homes. Non os escollín ao chou. Nin por idade nin por sexo apreciei reticencias destacables ao falar do asunto.

As mulleres dicían ‘ando mal’ para explicar por que refusaban o marido. Códigos lingüísticos. Anotaba as respostas nun caderno de campo. Non dispoñía de gravadora. Saíron ‘esas cousas’. As prohibicións: non tocar plantas, non recoller froitos, non pisar as uvas. O sangue menstrual queima a vexetación, esteriliza os campos. As imprudencias páganse.

Esa repulsa, ese sentimento de sucidade e desagrado segue moi presente hoxe en día, a pesar da liberación da muller, da suposta igualdade e paridade e das ideas forza dos feminismos. Non atopei quen publicase o estudo. Tiven problemas laborais. Dei carpetazo. Saquei adiante outros estudos antropolóxicos sobre as quendas na levada ou as artes de pesca na ría de Arousa. Tamén un prontuario da fala de ribeira. Cando tiraban lixo ao mar, os mariñeiros dicían que o mar era femia, porque podía con todo. En realidade, era deles. As mulleres habitaban o agro e o tabú».

Un par de semanas despois, recibo a súa chamada para manifestarme a súa satisfacción pola entrevista no xornal e a reportaxe de tres páxinas no suplemento cultural. A paisaxe esténdese alén dos campos de millo corvo e das contornas imprecisas pola pingueira da boca da ría na luzada. Aquela visita a Aurora Barcia Monfero ampliou o perímetro do meu ámbito laboral e humano, sementou as ideas que abrollaron na miña cabeza rasurada.

Un comentario en “Alén dos campos de millo

  1. Boa noite. Felicitacións por este texto tan fermoso. Unha boa historia adornada coas perlas rítmicas dun galego de categoría. Noraboa. Grazas, porque nel aprendín algunhas cousas e tamén palabras.

Deixa una resposta a Gonzalo Trasbach Paz Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *