Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira

os televisoresMaría Xesús Blanco. Mergullarse na lectura de Os televisores estrábicos (Ed. Xerais, 2014) resulta, cando menos, unha interesante descuberta. A primeira achega literaria publicada de Ramón Vilar Landeira (Rodís, Cerceda, 1973) é un libro de relatos moi recomendable que transita pola dura realidade social e económica dos nosos días, e da man duns personaxes abocados a vivir situacións complicadas pero que son quen de resistir no gume dun tempo hostil. Catorce historias intensas, estruturadas nun fío narrativo no que predomina o relato curto, que amosan a habilidade do autor no uso de diferentes rexistros á hora de artellar, con credibilidade, as vivencias de  homes e mulleres que se moven por espazos ben recoñecibles, como son o rural de Grandil no extraordinario 748 gramos, a cidade da Coruña en Cea de venres,  ou a urbe de París no inquietante relato que dá título ao libro, Os televisores estrábicos.

ramón vilarCento corenta páxinas que zumegan frescura e realismo e nas que agroman temáticas diversas como a fatalidade do cotián, as relacións persoais, a incomunicación, o exceso de información, os cambios na práctica do xornalismo, a precariedade laboral, as preferentes, a explotación sexual, a emigración ou a transformación do rural.

A solvencia narrativa do autor lévanos, sen demora, por un itinerario coherente que cobra aínda máis sentido, se cabe, no relato final do libro, Diario de Caión, no que a voz do narrador aporta a súa perspectiva sobre o oficio de escribir como un xeito tamén de resistencia ante a situación de crise persoal e social que lle toca vivir. Non deixen de lelo. Paga a pena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *