Fontán (IV), de Marcos Calveiro

1Antonio Piñeiro. Despois da lectura das súas dúas obras anteriores, Festina lente e Settecento, xa tiña claro que Marcos Calveiro estaba a desenvolver unha linguaxe propia coa que, máis alá de relatar, semella que converse coas épocas. Calveiro aprendeu a conversar cos séculos, a comprender os seus protagonistas, mellor aínda ca iso: a estar entre eles, coma un testemuño supernumerario do seu acontecer. E desa conexión é da que se desprende o realismo da súa confianza cos personaxes, coma de compañeiros de camiño ou de pupitre, nesa constante sensación de detalle íntimo que zumega esta nova novela, Fontán.

Emocionado quedei, francamente, diante desta achega súa, onde é el mesmo o que empeza confesando que sentiu unha especie de imantación polas cousas, sucesos, pensamentos, lugares que foron os da vida do cartógrafo galego.

Despunta o século XIX, Domingo Fontán, rematados os seus estudos de formación, comeza a impartir docencia na Universidade de Santiago mentres dá os primeiros pasos que o levarán a elaborar a Carta Xeométrica de Galicia. Aínda non se amansaron as turbulencias das dúas décadas anteriores, as revolucións constitucionalistas, o choque entre ideas, a invasión napoleónica, as Cortes de Cádiz, as represións, as liortas, as persecucións e o maniqueísmo do que el, a pesar de todo, sacará azos dabondo para sumarse ás iniciativas do progreso que abrollan por toda Europa. Metido nunha tirapuxa de envexas, intrigas, receos e violencia, tentará sortear toda a maraña de obstáculos que se lle cruzan, para levar adiante o seu proxecto vital, o seu soño nacido, coma case todos os soños, de rubir á rocha da paisaxe da súa infancia, chamada O Mundo. Non sen adversidade, percorre ese camiño que levará á confluencia, na alquimia literaria de Marcos Calveiro, do seu fito e mais o da Historia de Galicia cun dos finais de novela máis elegantes e sutís que teño lido.

Tras o inicio alegórico da escalada do penedo, que se pode dicir que anticipa en gran medida o sentido de toda a novela, o argumento estrutúrase en oito corpos que, ao modo de actos, Calveiro vai subtitulando e introducindo cunha pequena peza coa que ilumina momentos da infancia de Mingos, coma alicerces espirituais doutros tantos elos da súa biografía: o espertar intelectual, o do namoramento, o lugar do abraio; conseguindo con tal recurso consolidar a estrutura narrativa nunha malla non aparente, máis fortemente cohesionadora da lectura.

marcosCalveiro utiliza, ademais dese, recursos, ao meu ver, moi eficaces para se conducir e nos conducir na historia. Imprime, por exemplo, fluidez total ao texto (insisto no da conversa) quitándolle os guións indicativos de diálogo. Precipítanos nese diálogo que se acelera mesmo coma se escorregase polo interior do tubo do tempo. Ou omite verbos, en medidos parágrafos, nunha manobra que denota o seu bo coñecemento do lector. Sabe onde a percepción lectora completará o oco estilístico, económico, estético ou poético da sintaxe. “…Ás tardiñas, dende unha fiestra da casa, Mingos gustaba de ollar o Mundo, e soñaba./ O leigo. O covarde. Soñaba./ Con medilo. Con trazalo. Con abranguelo./ Impoñente. Inalterable./ O Mundo…” (Pax. 14). Ou forza o uso, diría eu o uso musical, dos signos de puntuación, coa mesma finalidade de imprimir ritmo. Ou acurta as frases ata o extremo de convertelas en alancadas impresionistas. Ou fai recaer toda a forza dunha pasaxe nun único concepto -“…Unha palabra que Douar repetía moito./ Oaled./ Fogar…”- (Pax. 183)- secando a súa enunciación e envolvéndoa con outros que previamente se encargan de xerar mentalmente a imaxe: alma, cheminea, faro, destino, morriña, devanceiros, etc. Ou inserta presenzas directas dos sucesos polos que se transita, coma no caso dos tres artigos da Constitución de Cádiz, na páxina 88, utilizándoos coma unha sorte de presente histórico non do tempo verbal, senón da atmosfera e mais do episodio literarios. Ou dálle un peche propio a algúns dos capítulos, facendo deles pequenas pezas narrativas completas, redondas, recullos da lectura total (a introdutoria de O AMOR, p.e.) coma asumindo para o libro a máxima do carácter completo, preciso, circular, entre o principio e a fin na natureza -“…Mais esa viaxe non é circular, senón triangular, matinaba Fontán…”- (Pax. 235), que o cartógrafo concibe coma un triángulo.

fontan5Fontán paréceme o exemplo arquetípico da novela histórica, por canto ao lermos a peripecia vital do protagonista, imos vivindo con el cada intre, cada sensación, cada acontecer do seu tempo. Por veces, mesmo cede Calveiro a esta tentación historiográfica (capítulo II da cuarta parte, A semente, páxs. 118-120) pasándoa ao primeiro plano non coma ambientación ou novelación do momento histórico, senón sabedor da súa transcendencia, sabedor de que determinado episodio é parte indisoluble e necesaria do retrato que de Fontán lle está a dar ao lector, de tal maneira que o libro adquire a virtude de ser un saboroso vehículo do coñecemento do século XIX galego, entre o reinado de Carlos IV e o isabelino ou, o que é o mesmo, o do paso do Antigo ao Novo Réxime.

Por iso, cunha receita case perfecta de dicción, información, estilo, léxico e amenidade, diría eu que é este Fontán, de Marcos Claveiro, o idóneo candidato a facer do libro unha lectura recomendada.

Fontán deixa moi bo sabor de boca ao lelo, un sabor de boca que se percibe tamén nos comentarios espontáneos, como nos sucedeu hai uns días a Pedro García Vidal e a min, falando de literatura na esquina de Fonseca, cando os dous coincidimos practicamente en todos os matices -Historia, personaxe, lectura, etc- ao respecto da novela de Calveiro, da que el vén de engadir a importante reseña de ofrecer, ademais, a especial relación de Domingo Fontán con Noia.

Ao rematar de ler o libro non puiden evitar facer dúas cousas: unha, volver ollar o mapa galego de Domingo Fontán, a poderosa mestura de revolución, astronomía e soño que pode chegar desprenderse duns pregos de cartolina; e a outra, ir a Portas e tentar de localizar ese con chamado O Mundo, para volver ler nunha andaina as paisaxes e as evocacións desta engaiolante novela de Calveiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *