Peiteando a nada

bosonX. Ricardo Losada. Nada máis acabar de ler un artigo sobre o bosón de Higgs, intentando saber por que as partículas elementais teñen masa e, de paso, por que existe o universo, atopei, no mesmo periódico, unha cita dun poema de César Vallejo no que, tras dicir que o ser humano é un “lóbrego mamífero”, engade “y se peina”. Deixoume tan impresionado aquela sutil e cruel ironía que a pregunta sobre a que levo anos reflexionando (por que existe o universo, por que existe algo e non a nada?) pareceume unha adiviña para nenos de tres anos. Por que se peitea ese lóbrego mamífero que é o ser humano?, esa si era unha pregunta con sustancia e chea de consecuencias na vida diaria.

     Si, con sustancia, pero tamén difícil de responder, sobre todo porque, como no caso do bosón de Higgs, non podo recorrer, como fago sempre, á miña propia experiencia. De pequeno peiteábame miña nai (un recordo ben grato, por certo, sempre que non o fixese diante dos meus amigos), pero, por decisión propia, nunca me peiteei. Aos quince anos deixei unha melena crecha e hippy, con aversión aos peites, e a partir dos vinte e cinco comezou a caerme o pelo e cun par de toques de dedo chegábame para telo máis ou menos ordenado. Na actualidade, nin iso necesito.

 boson2    Podía preguntarlle á miña nai, pero sabía qué me respondería (ai, que feitiño, dicía ao acabar de peitearme). Podía preguntarlle ao perruqueiro, pero tamén sabía qué me diría (cóbrame dez euros por cinco minutos de traballo). Podía preguntarlle a un historiador pero tamén sabía qué me diría (a estética é un dos universais culturais). Podía preguntarlle a un psicólogo evolucionista pero tamén sabía qué me diría (peitearse faiche máis atractivo, ligas máis, tes máis fillos, garantes a permanencia dos xenes). Así que decidín preguntarlle a un amigo meu con moita experiencia no tema. Leva cincuenta anos perfectamente peiteado. Mesmo cando non existía a brillantina e xogaba ao rugby con temporal en campos enlamados, acababa os partidos capilarmente impecable. E por que non?, díxome, por que carallo non me ía peitear? Sorprendeume tanto a resposta que, de súpeto, tiven unha revelación. E por que non ía ter masa o universo? E por que non ía existir algo en vez de nada?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *