A peste en Porto do Son a finais do século XVI

pesteManuel Mariño del Río. No último terzo do século XVI, Porto do Son era un pobo relevante. Testemuñas daquela época deixaron constancia dos veciños adiñeirados que comercializaban con panos, viños, sardiñas e outras mercadorías. A pesca da sardiña deixaba importantes ganancias. Logo, a partir de 1570, comezaron as sucesivas vagas de peste que asolaron a poboación. Os veciños máis enriquecidos fuxiron ás présas co pánico cara a outras poboacións próximas. Pero o peor aínda estaba por chegar.

O ano 1598 veu marcado por unha peste devastadora que reduciu a poboación sonense, estimada nuns 60 veciños (aproximadamente, 300 habitantes), a unha terceira parte, deixando o pobo apestado e famento.

De especial interese poden considerarse os datos extraídos do arruamento ou estatística dos veciños e casas deshabitadas ou caídas na xurisdición de Noia á que pertencía Porto do Son, levadas a cabo entre os día 23 e 26 de xuño do ano 1599, e que foron entregados ao administrador daquela vila.

En Porto do Son constatouse que quedaban 29 veciños (140 habitantes), 22 casas despoboadas e 10 caídas, das máis de 70 que había antes da epidemia.

O interesantísimo testemuño a xeito de declaración xurada de Gregorio Vidal, veciño de San Vicente de Noal permite que nos acheguemos a aquela situación: «Y ansimesmo save heste testigo quel puerto de Huzon, ques de la jurisdición de la dicha villa, solia aver en el mas de çinquenta vecinos, y se an muerto de la peste que ubo el año pasdo de quinientos y noventa y ocho la mayor parte dellos, el qual dicho puerto y lugar hera aneja la alcavalatoria della a dicha villa de Noya, la qual bio este testigo que avia en ella trato y que se mataba vuena cantidad de pescado en el de congrio, sardina y otros pescados, y avia barcos, y que balia bien la alcabala della cada año. Y conoçio a algunos vezinos en el dicho puerto y lugar de Huzon que tenian tratos y eran mercaderes como heran Vartolome de Larango y Alverto de o Porto e Jacome Yanes e Juan de Deve, y otros tenian barcos y azian hazer çercos en que mataban cantidad de pescados y pescadas y rovallos, e tratavan en bino, pan y azeite, y traian mercadurias y pasaban bien su vida. Y agora esta el dicho puerto casi perdido de todo punto de jente y hacienda, que no ay honbre en el que no este pobre sino hes solo uno o dos que tienen en pie el lugar, y todos los demas no tienen sino lazería y viben miserable y pobremente. Y ansimesmo save este testigo que con la grande falta que a avido de frutos los años pasados se a muerto de hambre mucha gente de los pobres, y que muchos vezinos se an ydo de la dicha villa de Noya al puerto de Huzon a bivir a otra parte por no poder bevir en la dicha villa e lugar por ser la careza del pan exçesiva y grande…».
Noia e a súa xurisdición estaban atravesando a peor crise da súa historia, esgotada e sen recursos. A pesar diso, a poboación tivo aínda capacidade para sobrevivir. Foron, na súa meirande parte, homes procedentes do gremio de mareantes e artesáns, apreixados pola pobreza, viúvos ou viúvas que desexaban regresar á normalidade se a Coroa lles axudaba coas exencións fiscais que lles permitisen saír daquel pozo.

No último terzo do século XVI, Porto do Son era un pobo comercialmente relevante

Moitos dos superviventes optaron por marchar fuxindo da pobreza

Constatouse que no Son quedaron 22 casas despoboadas e 10 caídas

Un comentario en “A peste en Porto do Son a finais do século XVI

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *