Máster en tender a roupa

pinzasX. Ricardo Losada. Tiven a típica educación machista pero, cando xa madu-riño, fun vivir coa muller, e adapteime ás tarefas da casa con naturalidade. Sentíame orgulloso, cun orgullo un tanto infantil, recoñézoo, pero cada un motívase como lle peta, máis aínda nun tema no que poden acusarte de cuestionar a igualdade de xénero. O caso é que unha mañá, nada máis saír á rúa despois de estar dúas horas de amo de casa, unha veciña díxome que se notaba ben cando colgaba eu a roupa no tendal da ventá e cando a colgaba a muller. Deixoume abraiado. Parecíame imposible que notase diferenza nunha tarefa tan simple.

Estiven a piques de preguntarlle en que o notaba pero, co orgullo ferido (en dous días cría colgar a roupa tan ben como a muller en moitos anos), decidín descubrilo por min mesmo. Incauto de min. Tras unha hora comparando o meu tendal co da veciña, eu, que son un as no xogo ese dos 8 erros da Voz, non descubrín nada. De feito, ata aquel día, a roupa secaba, e puñámola, tanto a muller coma eu, sen máis problema. Diferenza, xa que logo, non debía haber moita. Parecía claro. Aquela veciña non conseguía que o home fixese os labores da casa e intentaba racionalizar a frustración pensando que, para facelas coma min, mellor era que non as fixese.

colgarPero, como cada vez que a vía, a veciña acertaba («hoxe colgouna ela!, hoxe ti»), pregunteille á muller. Para a miña sorpresa, deulle a razón. Non dixera nada por non desilusionarme, tan cheo me vía. E díxome máis de vinte diferenzas, tipo «colgas os pantalóns para riba cando hai que colgalos para baixo» (ou para baixo cando é para arriba, xa non recordo) ou «a roupa non debe tocarse entre si» ou «non colgas a roupa de cor ao revés» ou (quedei abraiado) «convén pór xuntos cada par de medias e de calcetíns». Pero iso non foi o peor. O peor foi que, como nos matrimonios unha cousa leva a outra, o mesmiño ocorría con como fregaba, con como facía as camas ou con como pasaba o ferro… Nada facía ben. Aínda así, se estaba orgulloso e, mira ti, estábao, debía seguir estándoo. Deixara de ser machista por fóra, agora só me faltaba deixar de selo por dentro.

3 comentarios en “Máster en tender a roupa

  1. O mérito da foto do tendal con “gayumbos” é de Antón Riveiro Coello, o coordinador
    deste blog. El escolle as imaxes. O curioso é que sempre pon a que poría eu.
    Grazas

  2. Dijo un día un envidiosillo a don Miguel de Unamuno : – Don Miguel, lo que pasa es que usted tiene buena memoria.
    A lo que don Miguel contestó : – Sí, me acuerdo siempre de lo que sé.
    Yo , al leer ayer tu artículo, me acordé del envidiosillo del filósofo , porque yo también te envidié. Tener la habilidad de confeccionar una crónica relacionada con un tendal de ropa, es para Cum laude .
    Enhorabuena José Ricardo. Ah !! y la foto del tendal con los gayumbos, genial.
    Besiños palmeiráns

Deixa una resposta a x ricardo losada Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *