Nick Cave levanta unha obra de arte coas cinzas do seu fillo

cave1Gonzalo Trasbach. Con motivo dunha tráxica noticia, no verán do 2015 citei por vez primeira nesta páxina web a Nick Cave. Entón, relataba que, pese a que tiña unha ferida de morte no corazón, levoume da man ata a cabana de Karen Dalton, unha muller por cuxas veas corría sangue cheroquí, e que posuía unha das voces máis tristes da década dos sesenta. A segunda vez que o nomeei foi a conto de falar de “Mai e fillo”, o filme de Sokúrov que o australiano contemplara nun cinema do Soho londiniense, onde chorou dende o principio até o final. Pois ben, agora vou escribir de novo sobre o autor do fabuloso “The Boatman’s Call” (1997), o álbum que me vén sempre á cabeza cando paso por diante do Brompton Oratory, en Londres, onde, se mal non recordo, compuxo Into My Arms.

Nun encontro recente cos vellos amigos, un deles preguntou se sabíamos algo sobre Nick Cave. Se tiñamos noticias de como lle tiña afectado a perda dun dos seus fillos. Os outros dous nada sabíamos. Só nos lembramos da única vez que o miramos en directo. Evocamos aquela figura enxoita toda vestida de loito na noite que pechaba o cartel do festival de Paredes de Coura, naquela brillante edición de hai once, doce ou máis anos. Pero hai unhas tres semanas informeime de que vira a luz unha dobre testemuña do vivido e creado por parte do australiano dende o 2015 ata o 2016: un documento discográfico, “Skeleton Tree”, e outro cinematográfico, “One More Time With Feeling”, un documental dirixido por Andrew Dominik. Ambos traballos gravitan sobre a morte dun dos fillos xemelos que Cave tivo con Susie Bick, Arthur, que, con 15 anos, morreu o 14 de xullo do 2015 logo de despenarse por un acantilado na costa de Brighton (Inglaterra). Aínda que non se percibe, ao fondo do cadro, albíscase a silueta do sempre fiel Warren Ellis, o amigo tras os bastidores que todo o sostén en pé.

cave2No documental de 112 minutos nárrase a xestación das oito cancións que compoñen “Skeleton Tree”, un disco que un dos amigos me definiu coma unha pregaria, un rezo, que arranca con estas palabras: caíches do ceo e estrelácheste nun campo xunto ao río Adur. A min, paréceme máis unha misa cantada, sobre todo a partir da entrada da soprano danesa Else Torp en Distant Sky para dar a réplica a Cave nun remanso balsámico que prepara o camiño para entrar no remate final, no tema que da título a un repertorio marcado por pianos concisos, lentos vibráfonos, tensas cordas, sintetizadores e unha voz tan intensa que case fire.

Mais aquí, que ninguén se poña a contar as árbores, porque se esquecerá de respirar o aire do bosque. Si. Que ninguén busque nestes dous documentos unha pinga de morbosidade. Aquí tampouco atoparán ao Cave dos espasmos eléctricos, nin ao que alenta melancolía colgado nas teclas dun piano, nin ao pillabán conquistador e fornicador que se agocha na clandestinidade desa célula demente chamada Grimderman. E nin sequera ao crooner silvestre de “Dig, Lazarus, Dig!!!” Pero tampouco a un Cave chorón e auto compasivo. Non.

Nestes dous traballos está o Nick do rumoreo ronco: o que recita o léxico do amor e o desamor, o que escribe coa gramática da dor, do sufrimento. Estes documentos dan testemuña do Nick que manexa a álxebra do misterio, da morte, da violencia, de Deus… Pero tamén do Nick que proclama a temperanza, que invita a seguir adiante, que empuña o temón da coraxe para seguir navegando con pulso firme no tumultuoso e proceloso mar da existencia.cave 3 Este é un dos Caves posibles. Pero é Cave con todos os seus espectros, coas súas pantasmas de sempre, pero que agora cambiaron de castelo. É o Nick falando dos grandes temas de sempre, pero a través doutro formato.

Aínda que reside dende hai moitos anos no barrio aristocrático do rock, Nick Cave nunca deixou de ser un artista, un creador. Aquí demóstranos que o seu talento aínda non se esgotou. Como? Levantando un viñedo sobre o ermo terreo que lle legou a morte dun fillo que vive no disco e no filme aínda que apenas se nomea. Levantando un monumento para o seu fillo perdido e devolvéndonos a nós a beleza dunha obra mestra modelada coas súas mans sobre a materia prima do seu inmenso sufrimento e as cinzas do seu little blue eyed boy. O álbum remata coa reiterativa ladaíña e agora todo está ben, e agora todo está ben… Amén.

6 comentarios en “Nick Cave levanta unha obra de arte coas cinzas do seu fillo

  1. Bos días aprezada Magdalena. Non sei tanto de música. Ao longo da miña vida teño escoitado moitas cancións, mais coñezo a moitos que tamén o fixeron e estou seguro de que hai moitos máis aos que lles pasa o mesmo e aos cales non coñezo. Penso, por exemplo, nas persoas que levan programas musicais de radio e nas televisións de todo o mundo, pero tamén outras que van nos coches, nos avións, que están a estudar na casa, etc, etc… Ademais, tiven e teño a sorte de andar con xente que sempre tivo e ten moitos discos. Moitos dos meus coñecidos, aínda que máis novos que mín, tiveron tocadiscos antes ca mín. Eu tiña que ir ás súas casas para escoitar, por exemplo, a Bob Dylan, o agora nomeado Premio Nobel de Literatura. Outro dato que demostra que non sei tanto de música, é que, aínda que oín falar de Chpin e algunha vez escoitei a súa música, non tiña nin idea do que ti me dis. Un non sabe tanto. Un o que fai e intentar dar a coñecer algúns dos discos que escoita, falar dalgunhas catantes “esquecidas” e que sempre me gustaron. Pero nada máis. Non escribín nada sobre David B. nin sobre Lou Reed, nin sequera sobre o admirado Germán Coppini. Xa sabía que correrían ríos de tinta sobre todos eles, e mesmo dos que en vida os puxeran a parir. A miña pequena labor, iso intento, é dar a coñecer algúns autores. Mais eu non teño a pretensión, iso agardo, de dicir canto sei de música, por exemplo. Algunha vez escribín algo sobre isto. Os que facemos comentarios de discos, fácemolo a sabendas de que as palabras non chegan para dar conta da música. Se fosemos rotundamente honrados, teríamos que deixar de comentar as cancións e os discos. Pero quen non ten unha migalla de narcisismo? Saúdos from Boiro.

  2. Apreciado Gonzalo: Como sabes tanto de música seguro que no se te habrá pasado por alto el aniversario de la muerte de Chopin que murió un 17 de octubre. Me encantaría que escribieras algo sobre este romántico y maravilloso músico. Dicen que murió de tuberculosis y su amante decía esto del compositor polaco : ” Chopin tose con una gracia infinita “. Puede decirse algo más romántico ?
    Buenos días Gonzalo. Saludos palmeiráns.

  3. Aunque no entienda de música ni artistas ingleses, sí, entiendo de buenos escritores. Para muestra este párrafo ” … e devolvéndonos a nós a beleza dunha obra mestra modelada coas súas mans sobre a materia prima do seu inmenso sufrimento e as cinzas do seu little…”
    Precioso. Que Dios te conserve muchos años esa capacidad. Amén.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *