“Chapuzas gallegas”

CHAPUZAS1Marcos Lorenzo. Segundo a wikipedia, o feísmo é a tendencia artística que valora esteticamente o feo. Así se definiu até agora. Porén, desde hai un tempo, algúns xornais popularizaron unha nova acepción do termo que se circunscribe a Galicia e que pretende denunciar as desfeitas paisaxísticas provocadas, seica, polo mal gusto conxénito dos nosos paisanos. Así, cando se menciona a palabra feísmo xorden asociadas certas estampas chuscas como os somieres a modo de cancelas nas leiras, as vivendas de nova planta sen recebar ou a construción de galpóns con materiais de refugallo. Ningún destes exemplos debera chocar a quen coñeza a historia social de Galicia. Todos eles implican unha pauta de continuidade a respecto da autoconstrución que practicaron os nosos antepasados ao longo de séculos. Antes da expansión do capitalismo, coa súa extrema división do traballo, todo home ou muller labrega posuían cualificacións múltiples, como se tivesen cursado varias FP da época. Aí están as raíces do noso sector téxtil, naval, inmobiliario ou fabril, na grande capacitación manual dos nosos avós e bisavós. Entre eses coñecementos tamén se incluían a cantería, a forxa ou a carpintería, é dicir, todo o preciso para construír casas, cortellos, palleiros ou o que a familia ou veciñanza puidese necesitar. Claro que por entón os materiais dispoñibles eran a pedra, a madeira ou a tella, mentres que agora pódese mercar cemento a bo prezo e cunhas prestacións aceptables. Antes e agora limitáronse a cubrir unha necesidade cos recursos e os saberes dispoñibles.

Se os arranxos dos paisanos non son do gusto dalgúns urbanitas, que lle imos facer. Aquelas persoas que viven hoxe no e do medio rural precisan de casas – fábrica que sirvan a un tempo para a mantenza e o repouso e para o resgardo e reparación da maquinaria. Unha vivenda con forma de palafito, onde poida entrar un chimpín, semella unha solución razoable.

Cando algúns avezados tertulianos, ás veces catedráticos de universidade, se lamentan do contraste entre pasear por Galicia en coche ou facelo pola campiña inglesa (exemplo literal), están a exhibir unha abismal ignorancia sobre a nosa historia social. É ben sabido que en Inglaterra as propiedades agrícolas están en mans de aristócratas que ocupan o estrato social máis elevado, mentres que entre nós predomina o minifundio, o despoboamento do rural e a diseminación de bolsas de labregos vellos e pobres. Porque en Galicia segue a haber pobreza, malia que non lle caiba na cabeza a algúns xeradores de opinión.

No fondo, o que agocha esa mirada, ademais de nugalla intelectual, é clasismo, ou sexa, desprezo polos que menos teñen. Os nosos señoritos séntense identificados coa burguesía ilustrada doutras urbes europeas (o seu modelo a imitar) e apenas reparan nos seus veciños aldeáns cos que se cruzan a diario.

CHAPUZAS2Non existen máis que como motivo de chanza ou como un exótico anacronismo. Claro, así dificilmente entenderán nada do que aquí pasa.

Postos a falar de como se está a degradar o noso querido decorado verde, poderíanse fixar na multiplicación de vías de alta capacidade con enormes desmontes, na proliferación de monocultivos forestais que empobrecen a terra, na pegada agresiva da industria enerxética, en non poucas aberracións arquitectónicas no centro das cidades, na implantación de polígonos industriais baleiros, no urbanismo pésimo dalgúns novos barrios periféricos ou na permisiva vista gorda de centos de alcaldes que deixan construír onde for (luxo que pagarán as vindeiras xeracións). É dicir, na depredación do territorio a curto prazo e na falla dunha política racional de ordenación. Quizás os seus propios intereses (deles ou dos seus amiguetes) lles impida achegar outros exemplos que inculpen as altas esferas.

Pero non, poñen o foco no alpendre, na pía de plástico ou nos mil usos do tambor da lavadora, a miúdo solucións creativas e válidas a problemas concretos, e ás que agora, con arrogancia racista, veñen en denominar como “chapuzas gallegas”.

*Este texto foi publicado na revista LUZES (2015)

4 comentarios en ““Chapuzas gallegas”

  1. Os urbanitas de tanto remexer no feismo do rural, aínda an de conseguir inspirar a administración para que lle metan unha nova puñalada nos impostos. Como si non fora pouco os que temos.
    Nestes días non fan máis que voar cos dróns por si lles queda algo a tras sen censar o estilo de Constantino. Parécelles pouco o que levan arruinado o noso rural que agora aínda lles van mandar quitar o portal de somier e revestir de pedra o galpón do chimpín. ¡Ha! E que retiren o barreño da eira, que no vaian a confundir cunha piscina ou iacusi.
    Gústame o artigo Marcos.

Deixa una resposta a Marcos Lorenzo Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *