Cosmos

Cosmos (1)Agustín Agra. Cosmos, no contexto da divulgación científica é palabra de enorme significado. Este día, recomendación de Manolo Castro, compañeiro xa retirado, comecei a ver os trece episodios, emitidos en 2014, de Cosmos: A Spacetime Odyssey, obra continuadora e, asemade, homenaxe da lendaria Cosmos: unha viaxe persoal. O presentador desta secuela, vinte e catro anos despois da orixinal, é o astrofísico Neil deGrasse Tyson, un divulgador directo, enfático e irónico que consegue manternos amarrados ao asento ata o final de cada capítulo (recoñezo os meus prexuízos, non pola cor da súa pel: un astrónomo de cor preta, senón polo seu nome: o de un boxeador ex-campión mundial dos pesos pesados famoso pola súa agresividade; o tema, o dos prexuízos inconscientes, daría para unha entrada interesante, se é que non o abordou xa, de X. Ricardo Losada). No haber do documental cabería destacar, amais de abordar os avances acontecidos na ciencia nestes case trinta anos (aceleración expansiva do universo, Bosón de Higgs, exoplanetas…) e de abordar novos temas como o cambio climático, a valentía de abordar a materia da histórica tiranía exercida pola Igrexa sobre a ciencia.

Cosmos (2)Cosmos: A Personal Voyage representou un fito mediático: unha serie documental de divulgación científica de 13 capítulos emitida en 1980, da que foi presentador e principal guionista o famoso astrónomo Carl Cagan, que moitos de nós recordamos. Entre os grandes logros acadados por ela poderiamos destacar: a de difundir entre o gran público –lego a meirande parte– a historia da ciencia, a da astronomía e a orixe da vida en particular; concienciar sobre o lugar que ocupan a nosa especie e o noso planeta no universo; presentar as modernas visións da cosmoloxía e as últimas noticias da exploración espacial –das  misións Voyager en especial–. E todo iso, alén de facendo un preclaro diagnóstico da nosa época, provocando en nós o asombro e a emoción de quen é capaz de coñecer o mundo a través do propio intelecto.

Mais para atopar o Cosmos primixenio debemos retroceder ata 1834, cando Alexander von Humboldt concibiu a disparatada idea de plasmar nunha sola obra todo o universo material, todo o que hoxe en día sabemos dos fenómenos dos espazos celestes e da vida terrestre, dende as nebulosas estelares ata a xeografía do brión nas rochas de granito, cun estilo vivo que causará deleite e cativará a sensibilidade… Eis a orixe da súa magna obra Kosmos, publicada en cinco tomos entre 1845 e 1862 –inconcluso o último deles a súa morte en 1859 e logo completado a partir das súas notas–, o intento do sabio prusiano de facer unha obra xeral de síntese dos coñecementos da súa época; orixe dunha nova forma de ollar o mundo da que que somos debedores.

Cosmos (4)Hogano, cando o creacionismo oculta a súa faciana baixo a carauta do deseño intelixente, cando as pseudociencias e as supersticións milenarias campan ás súas anchas con aquiescencia e beneplácito, estendendo o seu poder omnímodo como as hifas dun fungo baixo a terra, non nos viría mal un algo de luz e a iluminación que traen canda si algúns dos valores da obra de Alexander Von Humboldt como a universalidade do coñecemento, o respecto entre as diferentes culturas, a liberdade do home, os dereitos humanos ou a democracia, esa vella e desvirtuada palabra, baleira xa nos nosos beizos do seu significado orixinal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *