Somone

8Xerardo AgraFoxo. A chegada de estranxeiros mudou o aspecto da vila. Durante un paseo pola estrada principal era posible avaliar que a meirande parte dos turistas eran franceses. Xubilados que decidiran residir nesta localidade con sol permanente, prezos baratos e ambiente apracible. As súas vestimentas descoidadas, o xeito de relacionarse cos nativos, as bicicletas coas que se movían ou as compras que realizaban –cemento, cordas, tixolas ou parafusos–, denotaban que a súa estadía en Somone era duradeira.

Só se podía baixar ata a costa a través dunhas corredoiras ateigadas de lixo e uns sumidoiros que vertían as súas augas no océano. Camiñando a carón dun hotel puiden apreciar dúas cousas que me sorprenderon. A meirande parte das persoas aloxadas nel, apenas miraban cara á praia e permanecían aferradas aos seus aparellos dixitais ou adurmiñadas ao redor dunha piscina. Maior arrepío me produciu avaliar os efectos do cambio climático. O hotel estaba protexido por unha dobre barreira de rochas, un dique para que o mar non esboroase as súas zonas de lecer.

Máis adiante vin como as vagas de auga salgada derrubaran os muros das primeiras casas. Algunhas protexíanse detrás duns valados que lles impedían divisar dende as terrazas a arribada dos cayucos. Outras, semellaban abandonadas. A batalla contra o océano era unha loita desigual que se estaba a desenvolver en La Petite Côte.

Un comentario en “Somone

  1. Prezado Afra (Agra)Foxo. Como te dixen fai poucos días, disfruto cos teus relatos africanos. Diante da miña mirada desfilan as imaxes coma nunha reportaxe fílmica. Coido que hai unha mosca na cinta, a do cambio climático. Soame ao tópico que leva un euroccidedntal á exterioridade africana. Estarei equivocado? Seguramente si. Saúdos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *