De máquinas e homes

iaAntón Riveiro Coello. Marvin Minsky, o pai do termo “intelixencia artificial”, adiantaba hai ben anos que as máquinas poderían facer calquera cousa que fagan as persoas, porque as persoas non son máis que máquinas, iso si, moi evolucionadas. O seu agoiro non está lonxe de se cumprir e non vou ser eu quen lle tire a razón, sobre todo á primeira parte do vaticinio, referente ás posibilidades intelixentes das máquinas. Pero si teño as miñas dúbidas no tema de que todos sexamos unha máquina evolucionada. Se miramos a prensa destes días vemos unha morea de tolerías que o home fai con máquinas como ese energúmeno que puxo o coche a trescentos quilómetros por hora nunha autopista, ou o camioneiro que nun adiantamento de vertixe case leva por diante a un ciclista, ou ese vello da Pontenova que andaba circulando pola estrada N-640 nunha segadora sen matrícula nin seguro. Non vexo nestes individuos ningunha evolución e, síntoo, en cuestións de seguridade, hai tempo que xa confío máis nas máquinas que no ser humano. Alguén poderá dicir que o que vén de pasar en Arizona, con ese coche autónomo que atropela a unha muller, bota abaixo o creto destas máquinas, pero logo de ver o vídeo difundido pola policía, coido que ningún condutor, nin tan sequera Fernando Alonso, podería evitar o accidente. En canto vin as imaxes, o primeiro que pensei foi nun meu amigo, moi culto e cun cerebro privilexiado, coñecido na comarca pola súa condución respectuosa e prudente. Ir con el é como ir cunha máquina perfecta, iso si, un chisco lenta. Pois ben, o día que soubemos que este amigo atropelara co coche a un vello, todos tivemos a certeza de que a cousa fora á inversa, é dicir, o vello atropelou o coche do noso amigo, como en Arizona.

Un comentario en “De máquinas e homes

  1. Buenos días, Antón:
    Creo recordar que fue José Luís Coll el autor de esta frase:
    Hay gente que cree que lo de correr con exceso de velocidad con el coche, es cuestión de caballos en el motor. Yo más bien opino que se trata de burros al volante.
    Yo opino lo mismo.
    Besiños palmeiráns.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *