Asociacionismo agrario en Nebra

BO26C4F2_213643Patricia Torrado Queiruga. Ríos de tinta se teñen vertido sobre os sucesos de Cans, dos que se cumpriron 102 anos este mes de outubro, pero pouco se sabía ata o de agora das actas ou dos estatutos das sociedades constituídas na parroquia de Santa María de Nebra, en Porto do Son. Pero como eran esas sociedades?, que defendían?, quen foron os seus presidentes?, como afectaron estes sucesos á maneira organizativa e estatutaria das asociacións?

A sociedade Liga de Labradores de Santa María de Nebra foi constituída como tal o 6 de xaneiro de 1910, da que figura como presidente José Benito Calo Miguéns. Esta sociedade no capítulo I, artigo 3, di: «Terá como obxecto exercitar todos os actos ou recursos legais para obter a máis xusta e equitativa proporcionalidade na distribución das cotas individuais dos repartimentos dos tributos». Así pois, nacía unha asociación na loita, é dicir, decidida a defender os seus veciños asociados -e véxase que digo socios e non socias, posto que elas só podían ingresar na asociación de seren viúvas e por non teren varóns na familia maiores de idade- e a xusta repartición das cotas correspondentes aos impostos. Pedían que tributase máis quen máis tiña, para non empobrecer unha poboación que estaba a ser apremada pola Deputación e o Estado xa dende 1888, para solucionar a mala xestión municipal co traballo e os cartos dos labregos. Contaba esta asociación con 109 socios a comezos do ano 1911.

A información sobre as asociacións agrarias de Nebra no albor do século XX é a meirande parte das veces confusa, múdanse os nomes, as datas, e semella non ter unha liña cronolóxica definida, como si a ten, se pescudamos nos documentos oficiais.

Así, 1916 foi o ano do esquecemento, o que batuxou a defensa dos dereitos, o que tirou por terra a máxima que defendía «no más derechos sin deberes, no más deberes sin derechos». Comezaba o ano dimitindo o presidente, José Vilas Núñez, e asumindo o cargo Rutilio A. Pouso Alcalde. O mesmo día da toma de posesión, modifícase o regulamento estatutario da asociación e o nome da mesma, que pasa a denominarse Liga y Sociedad de Agricultores de Santa María de Nebra, e ábrese unha discusión sobre se se vai pagar ou non o tributo. Asemblea á que concorren cinco veciños da vila non asociados que fan unha defensa acesa do impago do déficit e unha argumentación vehemente da mala xestión municipal. Arrincan os bandos para a cobranza do imposto de consumos, poñendo no seu sitio panfletos invitando á resistencia. Logo desta asemblea, ingresan 29 novos socios nunha mesma xornada, ascendendo deste xeito a 140 asociados.

O día 12 de outubro de 1916, o xuíz de instrución de Noia, en virtude do acontecido en Cans, suspende a actividade da Liga y Sociedad de Agricultores. Malia esta suspensión, e sen ter constancia do seu posterior levantamento, a actividade retómase en 1917, constituíndose a Federación Agraria de la parroquia de Nebra, que conta en maio dese ano con 125 socios, e que se disolve ao ano seguinte por ter menos dunha ducia. A esta asociación seguiralle a Sociedad y Liga de Agricultores e, logo da súa disolución en 1923, o Sindicato Católico Agrícola en 1928. Todas as asociacións desta parroquia tiveron como artigo no seu regulamento a defensa férrea dos dereitos dos labregos fronte aos abusos do poder.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *