Paraíso

Home InvisibleAgustín Agra. Eu, que descoñezo tantas cousas deste e doutros mundos e descreo de outras tantas, acredito na efémera existencia dos pequenos paraísos. Alguén a quen aprecio, fantasía con que este fique onde a casa dos avós e que, por forza, a lingua do paraíso ha de ser a que falan os seus pais. Na súa procura, teima en atopalo sempre entre dous ríos: entre o Eufrates e o Tigris, na linde metafórica dos desertos; no universo acuático da Amazonia ou no ensanguentado do Congo e o Zambeze; ao que nunca se retorna, entre o Ganxes e o Iamuna, ou o da eterna mutación entre as tres gorxas do Yan-Tze e o río das Pérolas. mortos na rúaAquel a quen estimo, sitúa o seu na chaira agarimosa que se estende entre o Mosa e o Escalda; eu, en tempos, crin descubrilo nos lindes que o Traba e o Tambre delimitan, mais poida que non fora máis ca un espellismo; porén, malia que nalgún intre confiaramos nese mundo situado aquén do Sar e alén do Sarela, ambos sabemos de certo o lugar onde se atopa.

Nestes últimos tempos entrevín o paraíso nas voces chegadas da diáspora: nos versos plurilingües que a escolma de solitarios que soñan quimeras da Onda poética nos envían –vía Positivas– dende as súas terras de acollida. Tamén nos poemas eróticos que o Home invisible me trouxo da man de Caldeirón dende o mar das Sisargas, coa Auga en cadoiro de roncón,Onda poética Auga escoando nas paredes da cova, Auga pingando dos canlóns dos alpendres, Auga caendo sobre auga, auga remansando no solaz da lagoa, auga en cadoiro con cadencia de roncón… Entrevín o oxímoro no inferno que encerran os sete poemas da primorosa edición bilingüe (francés-galego) de Os mortos da rúa. Mortos sen domicilio fixo, ora de sobredose ora de frío, por mor dunha malleira na rúa ou queimados vivos: mortos a quen pon voz o meu buscador  de paraísos.

Van agora algo máis de dez anos, entrevín o paraíso á beira do río Lee. Un outro dos nosos poetas no exilio púxome nas mans o cartafol: aos Haikus e Inventarios deses Glosarios edénicos, volvo con frecuencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>