Faulkner, a reivindicación do espírito

00f022ada9ea64647f81efead5431b56Fidel Vidal. Cinco dos escritores máis prestixiosos do século XX –William Faulkner, Pablo Neruda, Gabriel García Márquez, John Coetzee, Doris Lessing-, son os autores dunha edición especial que, en cinco pequenos volumes metidos nun estoxo de cartón, conteñen os seus discursos pronunciados en Estocolmo por mor de recibiren o premio Nobel baixo o título de Discursos (Alfa Decay, 2008). Faulkner recibiu o de 1949 con atraso, dado que ese ano o Comité Nobel estimou que os aspirantes non cumprían os criterios nin os méritos suficientes. Así é que, en 1950, outorgáronse dous: o correspondente do ano baleiro ao autor americano e o seguinte a Bertrand Russel. Por iso é que o discurso de Faulkner fose ditado en decembro de 1950.   

William Faulkner, o autor idolatrado polos “amanencistas”, os veciños da película de José Luis Cuerda, Amanece que no es poco, e mesmo plaxiado palabra por palabra -nesta ocasión Luz de agosto– por un desaprehensivo que tivo que declarar diante da garda civil semellante vexame, foi, entre outras, un escritor alcohólico, contratado por Hollywood da man de Howard Hawks, que os expertos poñen á altura de Proust, Kafka ou Joyce. No seu discurso, de curta duración, considera que o premio non lle corresponde a el como home -algo que parece obvio- “senón á miña obra”. Mais, esta obra é “a dunha vida no desasosego e o suor do espírito humano”, para crear partindo destes materiais “algo que non existía antes”.

Se hoxe en día, cunha pandemia, outra guerra máis, unha crise económica para a maioría -sempre hai unha minoría que engorda-, está pasando unha moi mala situación, cobran actualidade as palabras de Faulkner: “A nosa actual traxedia é un medo físico xeral e universal que se prolonga desde hai tanto tempo que apenas pode soportarse. Xa non hai problemas do espírito. Só hai unha pregunta: cando saltarei polos aires?”. Quéixase de que os novos escritores esqueceron os problemas do corazón humano “en conflito consigo mesmo”, que, no seu parecer, é o único que pode levar a producir unha boa escritura. Como se quedasen paralizados para afrontar tal situación. Polo que aconsella a necesidade de comezar a aprender, “de aprender de si mesmo que o máis innobre de todo é estar asustado”.

Reitera o apego e a reivindicación polas “vellas verdades universais”: “o amor, a honra, a piedade, o orgullo, a compaixón e o sacrificio. Sen elas, di, toda historia estará condenada ao fracaso. “Non se escribe de amor, senón de luxuria”. “Non se escribe sobre o corazón, senón sobre as glándulas”. O que fai pensar no final do home, sen ter outra meta que alcanzar. O optimismo de Faulkner mantén que “o home non só resistirá senón que prevalecerá”. “É inmortal (…) porque posúe unha alma, un espírito capaz de compaixón, sacrificio e resistencia”. O discurso remata con estas palabras: “O deber do poeta, do escritor, é escribir sobre esas cousas”. “A voz do poeta non só debe ser unha crónica do home, pode ser unha das súas trabes, un dos seus alicerces para axudalo a resistir e prevalecer”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *