Eduardo Ces Iglesias, cofundador de Tapal

O Escritor. Agenda NoyesaPastor Rodríguez. Nacido no Couto de Sabardes, Noia, en 1917, entrou en contacto co xornalismo xa antes da guerra civil. En 1950 será un dos fundadores da revista noiesa Tapal. O seu labor xornalístico desenvólveo nos xornais La Noche, La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, El Correo Gallego e El Diario Español de Montevideo. Deste traballo xurdirá o seu primeiro libro, Agenda noyesa (anecdotario popular), publicado en Santiago de Compostela en 1984, con prólogo de Xosé Manuel Cairo García. Falecido en 1988, tras a súa morte aínda aparecerán en 1992 outras dúas obras da súa autoría, Evocacións, prologado por Diego Bernal, e Refachos de historia, con palabras preliminares de Xosé Agrelo Hermo. Este volume, aínda que compila traballos de temática histórica galega, salienta polos artigos dedicados a Noia, publicados entre 1974 e 1987, entre os que destacan “Patrimonio artístico-relixioso de Noia” (1987), “Frai Berenguer de Lendoira”, publicado por primeira vez en El Ideal Gallego de 1985, xornal no que tamén apareceu en 1981 “Entorno blasónico noiés”; “Feiras, Alameda e xardíns de Felipe de Castro” (1985), “Asilo municipal”, editado en El Correo Gallego en 1983; “Unha supervivinte tasca noiesa”, de 1985, “Antiga factoría conserveira (Caamaño)”, de 1980. En total vinte traballos xornalísticos para lembrar, de xeito ameno, a historia da súa vila natal. Eduardo Ces tivo moita presenza nas actividades sociais de Noia, xa que presidiu o Liceo de Noia e foi un gran promotor do fútbol local.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *