Cartas das heroínas, Ovidio en galego

O Andel. Cartas_das_heroinasPastor Rodríguez. O século XXI é, para o galego, o século con máis presenza de Ovidio na lingua galega, dende que no ano 2001 Rodríguez Alberte editara a Arte de amar (Laracha, Xuntanza) e no 2004, en edición bilingüe, publicara Dobarro Posada as Metamorfoses na coñecida colección Clásicos en galego da Xunta de Galicia. Ese labor de amosar os clásicos grecolatinos continúao hoxe a editorial Rinoceronte na súa colección Vétera, que dirixe Raúl Gómez Pato, e onde xa estaba publicado outro volume que contiña a Arte de amar cos Remedios de amor. Agora sae unha das menos coñecidas obras de Ovidio, Cartas das heroínas, nunha tradución da latinista, natural de Palmeira, María Margarita Fernández Gómez, que consigue conservar o verso e pór nun galego actual o orixinal, sen perder o sabor primario. Toda tradución dun clásico é unha actualización que require un difícil equilibrio entre a modernidade e a tradición: esta tradución de Margarita Fernández lógrao amplamente. Ben anotada, inclúe tamén unha breve introdución a Ovidio e á súa obra e, con razón, dá a primacía á fermosa epístola de Safo a Faón, de abraiante modernidade. Dicir que xa en 1932 Avelino Gómez Ledo traducira as “Elexías” para a revista Nós e Ramón Cabanillas e Aquilino Iglesia Alvariño puxeran na nosa lingua algúns textos e, mesmo, en 1890, aparecera na revista A Monteira, de Lugo, unha imitación de Ovidio, “A volta da primavera”, asinada por Pepe Raimúndez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *