Galicia e os galegos na poesía castelá CXI. Outro ultraísta: Lasso de la Vega

99. Rafael Lasso de la vega, Poesía (1999). Bibl. ASRRomán Arén. Qué rara figura foi o sevillano Rafael Lasso de la Vega (1890-1950), bohemio e pretendido marqués de Villanova, que a miúdo se autotraducía do francés. Comezou a súa andaina de escritor co volume modernista Rimas de silencio y de soledad (1910), moi influído por Juan Ramón, para editar en 1918 El corazón iluminado y otros poemas e pasar logo ao ultraísmo. Amigo de Tristan Tzara, dos galegos Goy de Silva e Montes, redactou moitos dos seus poemarios para facerse un precursor da vangarda. En 1936, e en París, editou Pasaje de la poesía, con poemas en castelán e francés. Viviu en Italia, imprimiu Prestigios e Presencias con pés de imprenta falsos, falsificou prólogos e fíxose amigo de Jorge Guillén e Eugenio Montale. Os seus mellores poemarios son Galería de espejos, Oaristes (Venecia, 1940) e Constancias (Florencia, 1941). Foi tamén bo pintor e mereceu a atención crítica de Caro Romero, Renato Bilenchi, Fuentes Florido, Masoliver, Bonet, Manuel de la Peña e Germán Gullón. Na resvista <Grecia>, en 1920, publicou o poema “Arco” dedicado a Valle-Inclán:

Ingenuo y luminoso / el azul infinito se dilata / sobre el día redondo / Meciéronse en el mar tantas estrellas / como sonrisas en sus ojos / La copa de la cacacia! / Tanta luz en el agua y en el cielo / ha puesto verde el fondo / y ya todo es misterio / Mis sentidos / asomados al aire / -claras novias / con sus blancos vestidos- / en torno al corazón / se acercan a beber junto a las horas / Las alas destemidas / se iluminan en ámbitos de vida / En mi nombre su aroma / Y su aroma y su nombre / tendiendo un cielo entre las blandas músicas / de sombra.

Cómpre lembrar que Valle non estivo lonxe das vangardas ultraístas nalgúns dos poemas de La pipa de Kif (1919) e, sobre todo “Estética de la mujer de color”, publicado en <Grecia>. Este ultraísmo de Valle provocará as ironías de Palomero e de Vighi. Tamén Isaac del Vando Villar lle dedicará un dos poemas de La sombrilla japonesa (1924).

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>