A lesma de Kerry

BA26C8F1_184131Agustín Agra. Afonso é o responsable. Foi el quen me puxo sobre a pista. Cando ma amentou, coidei que sería un bo título para un conto. A concisión e sonoridade da frase, A lesma de Kerry, sumadas á dose de intriga resultante da combinación das dúas palabras: a dun molusco que provoca repugnancia en moitos humanos e o topónimo dun lugar descoñecido para a maioría, facíana máis ca adecuada para ese mester.

Porén, a historia que me contou non a tomei moi en serio. A miña formación, combinada cos xenes que recibín dos meus pais, fanme descrer dos cantos de sereas étnicos: o celtismo, un produto do romanticismo do século XIX que, cando se trae máis acó, corre o risco de caer no folclórico. Desconfío de canto non se pode demostrar, é certo, mais tamén gozo dos mitos. E o conto de Afonso espertou a miña curiosidade.

A limacha, de nome latino Geomalacus maculosus, alén de formar parte da lista vermella de especies ameazadas, é un endemismo que tan só pode atoparse en Irlanda e no noroeste da península ibérica: nomeadamente en Asturias, o norte de Portugal e Galicia. Daquela, ante a evidente incapacidade natatoria do becho, a pregunta que xorde é inmediata: como explicar, mar de por medio, a súa peculiar distribución xeográfica?

Investigacións levadas a termo nos últimos tempos na área da xenética resaltan as similitudes existentes entre gran parte da poboación de Irlanda e de Galicia. Xa que logo, a hipótese de que a lesma foi introducida, quizais no transcurso da idade do bronce, por xentes que migraron navegando cara ao norte semella máis ca razoable.

De cada vez que remoio sobre a tal suposición, nos meus miolos non deixa de resoar o eco da Pedra do destino e o do irlandés Libro das invasións, onde se narra a epopea que levou a Ith, fillo do noso pai Breogán, ata as terras que enxergara dende o alto da torre de Brigantia: a verde Eirín; tampouco as fantásticas andanzas do monxe Brandán o navegante por augas dos mares do norte na procura dun ilusorio lugar ao que algúns chaman paraíso; mesmo entre os recordos máis entrañables que gardo están as camiñadas das tardes de domingo na compaña do meu avó.

Mentres durou a construción do Breogán, émulo con mastro e vela de A Borna -a embarcación de vimbio e coiro que hogano se pode contemplar no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón-, o noso paso polo improvisado estaleiro ao aire libre do Río do Porto, osmando con atención o avance dos traballos, foi habitual ata o mesmo día das probas de navegación.

Teño buscado con teimosía, amolado pola nocturnidade dos seus hábitos, seguido con ansiedade un rastro de baba, escudriñado en cada lesma pola cor gris azulada e as pencas brancas e amarelas que se lle supoñen, sempre coa imaxe de Afonso, responsable último da miña porfía coa limacha, na cabeza. Polo de agora a procura resultou infrutuosa. Mais eu seguirei a mirar por ela: pescudarei nas fendas das rochas, nos sombreiros dos cogomelos, baixo as codias dos vellos castiñeiros e sobre os liques dos carballos; no entanto, e mentres non a atope, a lesma de Kerry continuará a formar parte da miña listaxe particular de Seres míticos galegos.

2 comentarios en “A lesma de Kerry

  1. Estimada Magdalena, somos xente afortunada: entre os diversos paraísos cercanos dos que podemos gozar preto da casa encóntrase, sen dúbida, a Praia do Vilar e o entorno do Parque Natural de Corrubedo; máis aínda se na visita contamos coa compaña axeitada e a asistencia dun guieiro co don da palabra e bo sabedor do que nos conta .
    Saúdo dende o fondo dunha ría que, para a ollada de moitos, deixa de ser fermosa co devalo da maré sen decatarse do extraordinario bicherío de nomes rarísimos que a enche. Unha alegría, coma sempre, terche de lectora.

  2. Buenas tardes, Agustín:
    Decirte que desde hoy miraré a los limacos de diferente manera. Ves, las perspectivas cambian dependiendo de como se cuenten las cosas y explicándolas como tú lo has hecho.
    Este pasado viernes hicimos un “roteiro” por la costa. Nuestro guía fue Juan López Bedoya, un profesor de la Facultad de Xeografía e Historia de Santiago. Nos llevó cerca de Corrubedo, por la playa del Vilar y me quedé maravillada con sus enseñanzas y explicaciones. No llevó un papel y conocía los nombres ( rarísimos ) de toda la fauna, flora y lo que se le arrimase. De las piedras, – que incluso llevaba alguna en su mochila, – nos decía de qué clase de minerales estaban formadas . Encontramos un erizo de mar y nos dijo que aquél era conocido por “la linterna de Aristóteles” por su compleja estructura de la boca. Bueno, estuvo hablando las dos horas que duró el “roteiro” y que a pesar de la lluvia se nos hizo muy corto, y a consecuencia de la mojadura estoy hecha polvo, pero que ha merecido la pena.
    Saludos palmeiráns, Agustín. Un placer como siempre leerte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *