Carballo Calero ou Carbalho Calero, á oitava foi a vencida

Imaxe de Carballo CaleroPilar Sampedro. Non homenaxear a don Ricardo era rebaixar a Real Academia Galega, era falar de vinganza porque alguén non lle podía perdoar algo, era falar de medo porque alguén o temía aínda despois de morto. Cando iso pasa, hai que preocuparse. Eu non vou falar dos seus méritos, veranse unha e outra vez ao longo do ano, a ninguén se lle ocorreu ata o de agora negalo pola falta de valía, eran outras as razóns. E haberá que falar delas para non enquistarnos.

Tiñamos a lingua máis falada (polas clases populares) e a que contaba con máis posibilidades de expansión a través do portugués. Tiñamos que normalizala e normativizala. Houbo un decreto de bilingüismo que fora consensuado nun exercicio de madurez democrática case imposible; tirárono abaixo esporeados por unha señora que seica era filla de estafador, doída porque un sacerdote do galego non lle dixo a misa que quería… Han de ser díxomes. O caso é que agora temos un decreto de plurilingüismo polo que, en vez de dúas, temos non sei cantas linguas, a rapazada aprende as materias en idiomas que nin uns nin outros dominan nin lles van servir de nada nese campo, pero é unha boa maneira de abaixarnos, ir para atrás e negar quen somos. Coa normativización tampouco tivemos sorte, dividimos as forzas entre os que querían achegarse ao castelán e os que o querían facer ao portugués, acabou partindo a corda e cada un foi polo seu lado. Uns estaban máis preto do poder e ganaron, os outros quedaron coas razóns e a marca de “perdedores”, defendéndose coas armas que teñen á man, que son ben poucas. Unha situación complexa para unha lingua en horas baixas. Non falaremos da problemática desta situación no ensino, nin nos medios de comunicación, nin na industria editorial… non, non imos falar de nada diso, só diremos que tampouco nisto tivemos moita sorte.

Nunha ocasión tiven que defender o cambio de normas do galego como defendía a presenza de rapazada con todo tipo de diversidade funcional, cultural, socioeconómica… nun centro de ensino. A dificultade como proceso. Tamén é certo que nunha ocasión cheguei a unha biblioteca onde tiñan separados todos os libros que estaban escritos na normativa anterior porque non querían que a rapazada os vise e queixábanse de que lles quedaran poucos fondos en galego… Non estaría mal se se tratase dunha estratexia para que a industria editorial e o comercio libreiro tivese máis movemento.

Vivimos nun senvivir, pero imos saír adiante; non hai dúbida!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *