Exposicións enriquecidas 2: Persoas de Gabriel Tizón e Patricia Muñoz

PersoasPilar Sampedro. Nunha entrada anterior falabamos de Sonoro empeño. As músicas nas coleccións de Abanca e Afundación e como se ía enriquecendo a exposición con outras iniciativas. No caso ao que nos imos referir hoxe, o complemento é distinto. Trátase da mostra Persoas, que se podía ver na mesma cidade pero, neste caso, nos salóns de Fonseca (dependentes da Universidade). Nela recóllense unha serie de imaxes que teñen en común os desprazamentos involuntarios da poboación. Os refuxiados e o seu difícil camiño.

Trátase das fotografías de Gabriel Tizón realizadas nos últimos quince anos de viaxes por máis de vinte países de Europa, África e Asia. Confesa o fotógrafo que “a fotografía é sinónimo de supervivencia, a palabra do intuitivo, a voz das miñas dúbidas. Mentres fotografo encontro un refuxio de soidade e, á vez, aprendo a comunicarme cos demais, a sentir empatía polo humano, a ser veciño na distancia. Tento fotografar como penso, non como vexo.” Todo iso se ve na mostra, esa soidade íntima dos humanos e esa empatía que leva á solidariedade.

Isto podería levarnos a unha reflexión interna e persoal: somos tan vulnerables, tanto, que non damos superado esa debilidade de nacer incompletos, coa necesidade de que a familia e/ou o resto da tribo nos coide e eduque. As persoas medramos e podemos envellecer pero sempre conservamos esa frouxidade de ter ido máis alá do instinto, de recoñecernos mortais a pesar da busca da perdurabilidade. Sabémonos tan débiles que precisamos da solidariedade, todos e todas, nun momento ou outro da nosa vida… sempre haberá unha conxuntura na que teñamos que estender a man pedindo axuda. Por iso é tan duro non poder confiar en que nos van axudar ou desconfiar de que nos enganan cando reclaman a nosa atención.

As fotografías aparecen ao lado duns textos e gráficas coas que se fan máis grandes, se cabe. Trátase de paneis informativos, froito das investigacións de Patricia Muñiz.

Aínda nas peores circunstancias, as imaxes son fermosas, aínda no medio da dor hai beleza por iso son necesarios os datos, a realidade da documentación atravesando o raciocinio para facernos pensar, para que, despois da visión icónica que nos toca os sentimentos, acuda a fría información para asegurar a comprensión dos feitos. Así, obrigarásenos a afondar nas causas e consecuencias dos movementos migratorios e as crises humanitarias que se desencadean por conflitos bélicos, catástrofes naturais e efectos do cambio climático. E poderemos ir máis lonxe, cavilando na diferenza entre a orixe natural ou provocada dos problemas, na responsabilidade dos seres humanos nestas situacións.

Tamén aquí unha serie de conferencias e mesas redondas axudan a profundar na situación de refuxiados e desprazados.

A arte pola arte e a arte para a denuncia, ao servizo das persoas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *