Futuróloga

533804-600-338Marina Losada Vicente. Sentou no váter. Como acostuma a pasarlle no sofá, e a pesar da situación, o cansazo deu paso a unha plácida soneca. Subindo as escaleiras posteriores, un pequeno habitáculo cun sensor de contacto. A persoa que entra estende a man diante para ser identificada polo sistema. Todo correcto. Nun oco na parede, deposita o recipiente que saca do bolso.

Uns bancos de deseño ergonómico con colchóns de posicionamento a cada lado do corredor para que as ocupantes agarden vez. Un letreiro ao fondo indica “entrada restrinxida ao persoal sanitario”. Está dentro dun autobús multicor por fóra e recuberto de aceiro inoxidable por dentro. Unha voz en off pide que entre Arnomia, doadora Rix101.

—Había tempo que non tiñamos unha achega con tantos bos compoñentes. É impresionante a calidade da túa recolleita. Nunca víramos nada así. Utilizando unha única unidade! Impresionante! Cinco días e cinco noites sen unha soa perda de líquido. O contido do vaso coincide ao milímetro coa cantidade producida segundo o medidor colocado na vía endometrial. Imos recomendar que che dean a estrela ao mérito sanitario. Coa túa doazón, que supera os 100 mililitros, o sistema poderá corrixir máis de trescentos casos de alopecia.

Recomposta da fantasía, volve mirar as indicacións de como colocarse unha copa menstrual no lugar que hai uns día puxo en valor, na vaxina. Non era suficiente a depilación brasileira, segundo a esteticien, era necesaria a depilación xenital total, tamén de pube, ou “full brazilian”, brasileiro completo, co que o exterior da parte agochada do seu corpo lle parece, a esta hora, a calva dun sesaxenario. Ri ante a última imaxe do soño do que vén de saír. No recibidor da unidade móbil, a foto dunha pube ao natural, última moda, que chama a atención polo tamaño do pelo, crecho, que ben permitiría que a súa dona se fixera unhas rastas con laciños.

2 comentarios en “Futuróloga

  1. Sempre que podo, canto. A todo dar. Sen límite. É unha das vantaxes de vivir soa. E tamén nos camiños, sabendo que aos paxaros non lle ocupa. Se fose igual de fácil rir, deixaría de cantar. A risa é un dos mellores motores que coñezo. A semana pasada mandei un novo texto a este café. Escribilo foi unha risa. Estou case segura que ti te vas a rir tamén. A pena é que hai días en que as nubes necesitan descargar, e descargan, por iso do equilibrio. Boa tarde, Magdalena.

  2. Eres o demo Marina, estou partídome de risa ca túa entrada. Non sei de onde sacas tal.
    Acabo de chegar das clases da memoria, en elas sempre rematamos con unha graza, e a de oxe foi esta :
    “O venres coñecín unha moza e díxome que me chamaría ao saír do traballo. 215 horas seguidas leva traballando a pobre”

    A ver se o motivo da tardanza era porque iba facer o “brasileiro completo” ou as rastas cos laciños.

    Bicos, Marina. ¡ Ai que risa !

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>