Galicia e os galegos na poesía castelá CXXXI. Hartzenbusch

descargaRomán Arén. Don Juan Eugenio de Hartzenbusch foi carpinteiro, pero chegou a erudito, fundamental na súa época para a comprensión do teatro, membro da Real Academia Española en 1847 e a director da Biblioteca Nacional en 1862. Nacera en Madrid en 1806, de pai alemán e nai andaluza, e no seu século foi famoso como dramaturgo por Los amantes de Teruel e como poeta polas súas Fábulas en verso castellano (1848), xénero poético moi cultivado no século XIX e no que tamén destacaron os galegos Luis Folgueras, Concepción Arenal e o Barón de Andilla. Morreu na cidade natal en 1880. Non creo que visitara nunca Galicia, pero o noso país está presente na súa obra teatral en verso, pois a acción do drama La madre de Pelayo, en tres actos, ocorre en Tui no 702, aínda que a súa fonte sexa en parte o italiano Alfieri. Drama romántico, a Galicia real está ausente, é só un lugar nominal. A acción comeza cun diálogo na antecámara do rei Vitiza entre o xudío Azael e o mouro Mervan, no que o primeiro lle lembra ao segundo:

Cautivo en Galicia estás / hace seis años.

Máis adiante Mervan volve a referirse a Galicia:

Acabado de llegar / el rey a Tui, recibe / el parabién que le dan / los caudillos de Galicia.

Poucas alusións máis hai a Galicia na peza teatral de Hartzenbusch, pero algo é algo, e esta Galicia só aludida é o normal no teatro romántico español, do que é proba evidente o drama Macías, de Mariano José de Larra, que logra case non citar o noso país, malia ser galego o protagonista.

Apeza de Hartzenbusch é de 1846 e entre os actores que a puxeron nas táboas estaba o famoso Julia Romea. Outras dúas alusións hai referentes a Galicia:

Por ello, si temes que hable / con pasión, Galicia entera / podrá decirte quién era / mi esposo; benigno, afable, / diestro en regir el acero…

A outra cita alude ao noso río maior:

…non entre Pelayo en la nave / que ya le espera en el Miño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *