E van alá dous anos…

La Voz de Galicia
La Voz de Galicia

Pilar Sampedro. En xaneiro do 2018 recibimos unha mensaxe na que se convocaba unha concentración de pensionistas o primeiro luns de mes, diante do concello. En Compostela era nin máis nin menos que no Obradoiro, a praza a onde non se dirixen as manifestacións porque se pode desaparecer diante da inmensidade arquitectónica, ademais de distraer o turismo peregrino. Pois ben, alí nos xuntamos uns poucos, e unhas poucas máis (xa é un clásico iso de sumar máis mulleres). Puxémonos de acordo para redactar unha nota, ao remate desa primeira concentración; foi no bar Suso. Ese día, así, de maneira informal, creouse a Plataforma de Pensionistas Compostela, igual que se estaba a facer noutras vilas e cidades.

Defender o Sistema Público de pensións, facelo cunha táboa reivindicativa que se comparte coas outras plataformas e loitar pola protección dos pensionistas de hoxe pero tamén polos do futuro. Estarmos na pelexa para que non continúen a eliminar os dereitos da clase traballadora, desa á que nada lle foi dado senón que tivo que traballalo todo. Poñer unha barreira para que non a traspasen aqueles aos que non lles importamos, porque están ao servizo das clases adiñeiradas (das que cada vez forman parte uns poucos menos e se fan máis ricas).

Dende aquela, a evolución foi constante, Manuela é a portavoz; Antonio, o home das infraestruturas e moitas cousas máis pois co seu carácter e relacións mantén a Plataforma con local, megafonía e contacto cos medios; Xaquín era o que se movía pola cidade convidando e entregando as notas de prensa, o que nunhas alancadas chega ao Parlamento ou ao concello petando nas conciencias; Marieta leva a comunicación cos membros da plataforma e achega o coro para cantar as reclamacións; Marta é unha todo terreo que coida do de dentro e do de fóra, dando os pasos moi medidos e seguros; Octavio é o activo home das redes sociais, Pepi traballa nas pancartas… e así cada unha delas e cada un deles, que non citamos.

Dende aquela, cada primeiro luns de mes alí estamos todas e todos os que podemos asistir. Non somos moitos, Compostela non é unha cidade doada pero, aínda así, permanece a cita, agora cun pequeno percorrido que nos anima o gaiteiro e a mellor das nosas voces, Agustín.

De todas formas, hoxe, cando vai rematar o ano e quixera facer balance, debo admitir que escribo esta nota para agradecer ter coñecido a Antonio, un home bo ao que só tratara detrás do mostrador do seu comercio, de compartir as concentracións con xente que xa nos deixou –pero estivera aí ata uns días antes do seu pasamento– como Severiano, ao que seguimos a botar de menos, e mostrar, tamén, a alegría que nos produce atopar cada luns a Taba, a cadeliña que nos acompaña igual que algún neto que nos aleda a mañá.

Moitas veces seguen a ser os mesmos da Transición os que aparecen nas concentracións. Por iso dá tanta pena cando algún desaparece, porque igual non hai reposto. As que queden seguirán cada primeiro luns de mes, ás 12, diante do concello, sen dúbida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *