Posverdade

pinochoAgustín Agra. A ficción é unha calidade humana. Para ben ou para mal, grazas a falsos relatos-mitos, relixións e ideoloxías de toda caste- cooperamos a grande escala e, xa que logo, prosperamos e colonizamos o planeta. Un dos termos de moda é, ademais de neoloxismo, un territorio ambiguo no que, apelando ás emocións, se menoscaba de forma deliberada a obxectividade. Non é o mesmo navegar entre dúas augas, bordeando o que é certo e o que non, que unha mentira apoiada por un aparato mediático e propagandístico. Velaí a posverdade.

A contenda non a gañaron os aliados, gañouna o fascismo. Pasaron! Cativo e desarmado o exército roxo, e acadados os últimos obxectivos militares, o primeiro de abril do 39, o Xeneralísimo -alias Paca la Culona- asinou rotundo: «La guerra ha terminado». Logo, e durante catro décadas, instaurouse a ditadura. Morto o can non acabou a rabia. Os seguintes corenta anos, a canalla agochouse tras a feble máscara da transición e a democracia. Hogano, xa sen disimulo, engorda as súas filas con cachorros ben mantidos. E o seu descaro faime barallar palabras que coidabamos enterradas…

Folleo a Hannah Arendt con desgana; As orixes do totalitarismo tan só un libro amarelecido nun recuncho dun andel. Paul Celan ou Niemöller en nada axudan: os versos de Fuga de morte non amortecen o desacougo. Poder e ficción camiñan da man. Quen busca o poder, fai uso da ficción. As patrias son novelas de estrutura complexa; pero ficcións.

Chegados ata aquí, non sei se crer na teoría da alteración meteorolóxica, a do winter is coming. Mais as crenzas son sempre moi persoais. Eu, alén das patrias, acredito no asteroide B612 do Principiño de Saint-Exupéry, na maldade infinda dos pérfidos asasinos da familia do capitán Nemo e na fada azul, capaz de dar vida a un moneco de madeira… Daquela non concibo máis defensa que a acción da palabra, a máis poderosa de todas as armas. Cuestionar e cuestionarse. Expresar a propia opinión, unha actividade ás veces próxima a un deporte de risco. Dicir as cousas, repetilas, berralas pese a quen pese:

Volven. Quen? Eles, os que asañan vidas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *