Praias limpas, praias mortas

Os científicos expertos aconsellan conciliar os diferentes usos das praias FOTo JESÚS SUÁREZ ARES

Os científicos expertos aconsellan conciliar os diferentes usos das praias FOTo JESÚS SUÁREZ ARES

Xulio Gutiérrez Roger. Durante milenios as praias foron consideradas como lugares inhóspitos e de escaso valor. Á parte dalgunhas actividades extractivas ou lugar de varada de embarcacións, as praias foron ata hai moi poucos anos patrimonio case exclusivo da fauna salvaxe.

A pertinaz roda dos procesos xeolóxicos modificaba o seu aspecto ao ritmo das estacións. Os temporais de inverno retiraban grandes masas de area que o propio mar devolvía na primavera. Os restos algáceos de arribazón eran maná para centos de especies que se alimentaban delas. Os nutrientes que se desprendían paseniño desa masa en descomposición ían enriquecendo os sedimentos mariños próximos, favorecendo a proliferación de todo tipo de organismos filtrantes, como ostras e miñocas. Toda unha gran rede alimentaria mariña, e tamén terrestre, obtiña sustento deste ecosistema singular.

Estas praias ancestrais non eran areais prístinos. Contaban cun sistema dunar en contacto co ecosistema terrestre, un cordón de materia orgánica á altura do nivel da marea alta e abundantísimos restos de cunchas de moluscos, estrelas e ourizos de mar por todas partes. Este era o hábitat de multitude de especies residentes e outras ocasionais, como as aves en período de nidificación. Unha parte fundamental deste ecosistema son as algas que o mar deposita en cada abalo mareal. Non son lixo. A degradación dos seus restos convérteos en verdadeiros puntos quentes de actividade química e biolóxica que inducen un extraordinario aumento na biodiversidade dos ecosistemas mariños e terrestres que abeiran a praia. Por outra parte, estes depósitos actúan como trampas para a area que arrastra o vento favorecendo a formación de dunas.
Turismo e marisqueo

Non foi ata mediados do século XX que as praias comezaron a seren utilizadas de forma intensiva por dúas das industrias máis relevantes da nosa sociedade actual: o turismo e o marisqueo moderno. O valor socioeconómico das praias incrementouse, pero tales usos turísticos e marisqueiros entraron pronto en conflito coa preservación do seu estado natural.

E aquí entra a idea do que é, ou debe ser, unha praia limpa. Quizais un areal inmaculado carente de todo rastro orgánico? Ou simplemente un lugar exento de plástico e outros tipos de lixo e contaminantes de orixe antrópica?

Unha verdadeira praia viva non é unha estéril acumulación de area na beira do mar. É moito máis. Baixo a súa aparencia árida e mineral late un ecosistema complexo e fráxil que varía de aspecto, estacionalmente, en función da dinámica costeira.

A limpeza das praias é un labor recente, máis aló da práctica ancestral de recollida de restos de arribazón. É un tema controvertido entre os tres principais grupos de interese: bañistas, conservacionistas e mariscadores.

Os científicos expertos recomendan conciliar os diferentes usos das praias. Aconsellan non retirar a totalidade dos restos con medios mecánicos porque arrasan con toda a riqueza que conteñen. Deberían utilizarse medios manuais selectivos, retirando o lixo artificial e deixando os restos naturais, en todo caso agrupados en certos lugares do areal. Recomendan tamén a retirada parcial de algas cando se producen acumulacións excesivas preto das zonas marisqueiras porque poderían cubrir a superficie dos bancos de moluscos e asfixiar aos bivalvos.

Ollo! Unha praia impoluta pode ser en realidade unha praia morta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>