Abstracto para «Á sombra da cinza»

Ilustración da capa do novo libro de Vidal
Ilustración da capa do novo libro de Vidal

Antonio Piñeiro. O pensamento é adoito un estorbo. Isto, que lemos nalgún libro de psicoloxía, proporcionounos unha vez a clave da interpretación da plástica directa, a da inmediatez, do xesto e, malia o paradoxo, da idea libre: da idea que, séndoo, voa sobre os desordenados recullos da conciencia emocional. Tamén da idea poética, posto que foi aí, onda ese estorbo, onde soubemos que os vieiros da poesía son indomeables.

Fidel Vidal achegounos neste pasado decembro o seu último traballo. Ocupouse da obra e a significación de Xulio L. Valcárcel. Fíxoo, como el mesmo dixo, con plena liberdade e mesmo libertinaxe, coma unha forma de gozo. Aí está a cousa. O ensaio -poético tamén- chámase Á sombra da cinza. Está publicado por Medulia Editorial. Dentro do volume, acompañando magníficos textos, Fidel deixounos algo desa aseveración nunha serie de ilustracións realizadas coa técnica do pastel e o ánimo da pescuda que o exemplo que traemos hoxe ás Letras da Arte pon de manifesto. É a ilustración da capa, mais non a traemos polo carácter adquirido coma imaxe impresa, senón coma parte da serie orixinal que foi presentada ao público xunto co libro.

Grafismo

Trátase dun grafismo polícromo, en pequeno formato, pero potente, enfeitizante; un esconxuro de liñas sobre gris, con pequenos lumes de cor, que decontado chama a atención polo sutil contraste coa estrutura paraxeométrica na que está inscrito, e mais polo significado que nel acada a desorde. Aí tamén as dúas premisas do siloxismo.

O grafismo xa estaba na parede da gruta, na parede traseira do tempo, coma linguaxe da alma (iso que non é xa só pensamento e que cada quen entende como lle parece). Son moitos os que foron volvendo a el. Non sei: estou a pensar en Alberto Datas, en Baldo Ramos, en José María Sicilia ou en Manuel Ruibal. Quizais sexa unha das poucas autenticidades que todos, sen excepción, asociamos á arte.

Mesma poética

Fidel Vidal acostuma darnos os seus grafismos das dúas maneiras. Grafismos plásticos e grafismos literarios. Por iso quixen traer hoxe acó os dous xuntos. Coido que algunha vez lle oín manifestar a el o mesmo que ao meu admirado Juan Carlos Mestre: algo así coma que non poden ser máis ca expresións indisolubles da mesma poética, e concíboo cada vez que fico diante dunha das súas achegas, diante desa elegancia sutil e afortunada que é quen de recoller nese anaco de papel ou no resto de pensamento que sempre devén arte.

2 comentarios en “Abstracto para «Á sombra da cinza»

  1. Qué será o que Fidel non fai ben ?
    A mín ese xogo de palabras que el emprega parécenme xeniales. Vou a poñer un pequeno exemplo dunha frase que contén o libro do cal falas: “As palabras falsas son as verdadeiras, verdadeiramente falsas”.
    Sobre o que pinta, eu penso que cando un chega a ser mestre, xa pode prescindir de toda regra, e Fidel é un mestre en todo o que se propón.
    Bos días Antonio. Saudos dende Palmeira.

    1. Moitísimas grazas, en primeiro lugar ao meu admirado Antonio Piñeiro polas súas verbas. Que vou dicir senón só pórme “colorado”… e máis nada. Ter amigos así non ten prezo.
      E, como non, tamén a Magdalena, sempre atenta a cada entrada do noso Café, con palabras de apoio e aportacións moi apropiadas e ilustrativas.
      Forte aperta e saúde para os dous.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *