O peso do sambenito

birdmanFrancisco Ant. Vidal Blanco. O personaxe que interpreta Michael Keaton en Birdman, recibe nun momento determinado unha monumental amoestación por parte da súa filla adolescente por non ter perfil nas redes sociais, pois así non vai chegar a nada por moito que se esforce, será un cero á esquerda, sen nome nin alcume que o reafirme, o estimule e o proxecte.De feito financia unha obra de teatro en que é o protagonista, precisamente para arredar a insoportable carga do seu mediocre pasado, e ve como lle come o terreo o segundo actor, xustamente porque está máis e mellor conectado coa prensa, coa sociedade e cos estereotipos que todos agardan dos famosos. El só é recoñecido por unha película menor que algún día lle deu fama. Pesa tanto o seu pasado que xa non é nin el, senón unha careta daquel súper-heroe home-paxaro que algún día interpretou no cine. Incluso, diante do cartel coa súa foto na porta do teatro, só é recoñecido por aquel outro rol sen calidade.

      Iso é, ó final, a norma que se repite nos estereotipos, o sambenito que nos colgan como medalla distintiva, o peso da visión que teñen de nós e tan difícil é de arredar, xa sexa no galego das respostas con preguntas, no andaluz chistoso ou no catalán agarrado e o xudeu usureiro, e basta que alguén amose un mínimo indicio desa pexa para que se dea por demostración científica que tal estereotipo é regra invariable nese individuo ou grupo, iso polo que lle damos nome, o tópico que cree identificar e só repite os clixés que alguén impuxo como un alcume. O estimado don Luís de Góngora y Argote, despois de vivir con nómina dos condes de Lemos, converteuse na máis desapiadada pluma creando estereotipos contra Galicia e os galegos que aínda hoxe sufrimos.
 inquisición     Pero esas ideas, crenzas ou tendencias a catalogar non só están nos outros, senón tamén en nós mesmos, no clixé que nos poñemos ou impoñemos, amosándonos en redes e parladoiros, definíndonos como algo ó que aspiramos ou cremos máis relevante da nosa personalidade coa súa dose de presunción, fachenda e vaidade que tanto nos conforta.
      O peso dos sambenitos tanto se mide en selfies como en gargalladas, e famosos hai que confunden a fama coa profesionalidade. Don Quixote críase un salvador, un heroe, un valente empeñado en “desfacer agravios y enderezar entuertos”; Tartarín de Tarascón tamén se tiña polo máis valente e avisado do mundo e os veciños animábano, ata investir unha fortuna na caza dun león sen saber sequera onde os había. Famosos hai que ata impoñen no seu currículo un título do que carecen, e todos temos o pracer de coñecer afeccionados a todo tipo de artes e enxeñerías que se consideran autoridades na materia sen ter pasado por ningunha escola nin facultade.
      Ó final, o personaxe interpretado por Michael Keaton enfróntase a unha periodista especializada en crítica teatral, quen lle anuncia que non irá ver a súa obra pero faralle a crítica máis desapiadada posible. Tamén ela ten un clixé do actor polo que opina sen contrastar, evitando comprobar se mellorou ou empeorou no seu oficio. E despáchao co maior insulto que lle pode ofrecer; que el é unha persoa famosa pero non é actor de teatro. Tamén ela, co seu clixé de pluma xusticieira, se cree uns pasos por encima do resto dos mortais.

Un comentario en “O peso do sambenito

  1. A filla de Michael Keaton, querido Francisco, avisaba a seu pai que a informática deste tempo trocou o portal de Belen cos seus adoradores, polos portais de internet , cos seus servidores.
    E referente a periodista da crítica desapiadada, direi que, hai persoas as que da gusto coñecer só polo pracer de despedirse delas.
    Biquiños dende a nosa Palmeira.
    Saúde, moitiña saúde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>