Frases que me teñen estremecido

as nosas vacas descansando nos pradosPilar SampedroÁs veces quedas cunha expresión a martelar no cerebro. Tocou algunha fibra sensible e tes que agardar a que volva ao seu. Daquela, prefiro acollela, acariñala, darlle voltas e soprarlle ata que voe soa.

A humildade do orgullo, dixo David Otero.

Eu repetina para min: a humildade do orgullo.

Un orgullo humilde coma o noso, esa maneira de ser galego pisando suavemente, afirmándose na identidade, querendo ser quen somos ao lado doutros que son outra cousa e nos complementan e os complementamos.

Ser galegos, unha maneira de estar no mundo, nin mellor nin peor, diferente; achegando unha riqueza, a nosa, enriquecendo o universo coa nosa identidade, coa nosa lingua, coa nosa cultura…

Nós, en realidade, somos humildes, máis ben xente pobre e tranquila; queremos ir ao noso sen molestar a ninguén, ser quen somos sen erguer a vista nin baixala, mirando de fronte. O noso animal totémico é a vaca: a raíña da mansedume. Póusase no verde, paseniñamente vai triscando na herba, rumiando, chega incluso a deitarse ou sentarse para observar mentres remoe.

Outros móstranse orgullosamente soberbios; asumiron a situación de poder, de estar por riba, de mirar en modo plano picado e non só non nos ven senón que tentan que desaparezamos. Daquela, moitos dos nosos vanse esparexendo, transformando noutros, abaixándose para non ser vistas, renegando de quen son, avergonzándose da súa lingua, considerando pobre a súa cultura. É por iso polo que precisamos o orgullo, para devolvérllelo, para erguer esa palabra pobo ou persoa ou galego ou ti.

É por iso que estamos humildemente orgullosos do noso.

Si, a frase pode chegar polo aire cando a escoitas. Outras veces vén pola vista, cando a les.

Hai uns días atopei no xornal unha noticia sobre un mozo afogado que levaban a enterrar. A nova recollía unhas verbas que seica leu unha das familiares: “Harri, agora xa estás con nós, xa estás co teu pobo”.

Notei que me custaba traballo lelo sen afogar eu tamén nas augas salgadas dos ollos. “Estás con nós”, aínda que morto, témoste aquí, recuperamos o teu corpo (ou algo máis?).

Xa estás co teu pobo”, non é no teu pobo, non, é co teu pobo; estás cos teus… e a palabra pobo era isto; detrás das consignas e dos lemas, dos discursos e frases feitas estaba este constituínte de mortos e vivos, mortas e vivas nas que se deposita esa enerxía que nin se crea nin se destrúe, só se transforma. A parroquia dos vivos e a parroquia dos mortos das que falaba o cura da miña aldea. Ese é o pobo!

A memoria xoga malas pasadas e podes esquecer incluso cousas que te marcaron moito, ou se non as esqueces non tes as verbas para contalas. Unha banda deseñada, situada nunha fisterra que podía ser bretoa pois non era galega, un problema (que podía ser ambiental, de patrimonio construído ou natural) e a aldea que tentaba defenderse, pero eran poucos, tiñan pouca forza, así que han de vir os outros, os que xa non están, os que foron… os defuntiños a axudarlles. Era impactante polo que significaba pero, sobre todo, polo ben contado que estaba.

O que eu vin era pobo.

4 comentarios en “Frases que me teñen estremecido

  1. Qué gusto lerte Pilar, qué alegría ver o teu nome encabezando un escrito. Estarei atenta a túa voz porque dela sempre gardo palabras que acariño coma tesouros. Unha aperta enormísima.

  2. Bos días Pilar:
    Eu sempre oín dicir que o animal totémico de España era o touro, pero olla, eu son máis partidaria da vaca ca do astado, por tanto, quedo contenta de que así sexa. Mellor que sexa a vaca Cordera de Leopoldo Alas, que ó pobre touro que lle dobregan a testuz na area das prazas.
    Bonita entrada, Pilar.
    Unha aperta dende Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>