Galegas do primeiro terzo do século XX

IrmandiñasPilar Sampedro. Acaba de publicarse o ensaio de Aurora Marco, Irmandiñas, e a novela de Neira Cruz, Veleno de tinta impresa. Ambos, cada un da súa maneira, recollen esa época. Irmandiñas afonda no coñecemento das mulleres que formaron parte das Irmandades da Fala, na chamada Sección Feminina (non, non inventaron o nome os fascistas). O libro de Aurora Marco, en palabras de Montse Dopico, “non só reivindica as asociadas das Irmandades da Fala, senón tamén moitas mulleres que participaron de distintas iniciativas xurdidas arredor deste movemento: as que formaron parte dos coros e agrupacións teatrais; as sociais ou protectoras do Seminario de Estudos Galegos; as militantes do Partido Galeguista; as que traballaron na Agrupación Republicana Feminina; as integrantes do Grupo Feminino do Partido Galeguista de Ourense, ou as colaboradoras de A Nosa Terra. Mulleres, case todas, que foron esquecidas na celebración, no 2016, no centenario da fundación das Irmandades”.

Escribe Aurora Marco sobre as mulleres que achegaron a bandeira bordada das Irmandades, que se solidarizaron coas mártires de Sofán e puxeron en pé as Escolas de Ensiño Galego., entre as que destacaron Concepción González Varela (concertista e profesora de música que foi muller de Lugrís Freire e nai de Urbano Lugrís) ou Micaela Chao Maciñeira, compañeira de Antón Vilar Ponte, e tantas outras como a costureira María Miramontes ou a mestra Elvira Bao, directora das Colonias Escolares do Sanatorio Marítimo de Oza.

Aurora Marco investiga e Neira Cruz novela. Da presentación editorial de Veleno de tinta impresa podemos recoller “Elvira Morales, unha moza nacida a finais do século XIX, acaba de rematar os estudos de maxisterio e toma a decisión de apostar polo seu soño de traballar como xornalista nunha sociedade en que ese cometido está reservado para os homes. Con todo, a sociedade coruñesa da época foi berce de figuras femininas que constitúen un referente para a reivindicación e o exercicio dos dereitos profesionais das mulleres. (…) Unha homenaxe ás pioneiras que abriron camiño”. A ficción dun tempo e das mulleres que deixaron unha pegada que o Golpe de Estado borrou e só moito tempo despois se vai descubrindo. Elas, foron mulleres que acompañaron o camiñar pola liberdade dos homes dos que foron compañeiras. Polas páxinas pasan a escritora Emilia Pardo Bazán, a pedagoga María Barbeito, a poeta e tradutora Fanny Garrido, a xornalista e correspondente de guerra Sofía Casanova, a modista María Miramontes, a irmandiña Elvira Vao ou Amparo López Jeán, nai dos Alvear López, a académica Francisca Herrera ou a escritora Filomena Dato, a pianista e compositora Eugenia Osterberger ou  Carolina Otero, a acompañante de príncipes.

Irmandiñas que van pasando á tinta impresa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *