Etiquetas do eu (I)

paul-marierouge-20webIgnacio Castro Rey. O que segue é un comentario levemente crítico sobre o exitoso “La imposible dedicatoria”, de Paul B. Preciado (Revista da Universidade de México, abril de 2020). Antes do coronavirus, Preciado cóntanos que falaba por videoconferencia cos seus pais, residentes en Castela, unha vez cada dous meses. Agora a chamada é diaria e, confesa, unha “bomba de osíxeno”. Talvez herdou da súa nai o que el chama talento para o melodrama: “O meu pai ten noventa anos, é un home dinámico que antes do encerro camiñaba cada día oito quilómetros. É tamén un home frío: un neno abandonado polo seu propio pai que medrou sen afecto, pensando que o traballo é a súa única razón de existir”. Con todo, agora Preciado, que confesa que o afecto do seu pai o desorientou no último encontro virtual, é fiel á herdanza paterna, pois tamén el parece crer que ser coñecido grazas ao “escándalo” do seu cambio de sexo é a súa única razón de existir. Un e outro parecen seguir unha senda moi fixa, aínda que o pai (segundo o propio relato de Preciado) un pouco máis humana.

Non sabemos no pai, sería máis ben dubidoso pola época, pero no relato de Preciado dá a impresión de que “a empresa do Eu” (cun esforzo incesante da vontade de saber que Foucault tanto criticaba) inclúe rexeitar todo o que moleste e fomentar todo aquilo que relance o brillo da suposta anomalía persoal, coa liberdade provocativa que se deriva diso. En resumo, segundo a súa propia descrición, o fillo cambiou só no estilo do desafecto: de estar centrado nun traballo para soster á familia, tal como fixo o seu pai, el pasa a estalo en ter admiradores, aparentemente máis que lectores. Efectivamente, a fe na transparencia global non coñece fronteiras. A pesar de todo hai que dicir que, como tantos españois que queren medrar, Preciado deixou a tempo a provinciana Castela para acabar en París, onde o escaparate ten máis ecos cosmopolitas.

Aínda que talvez o importante do artigo é o resto. Cun estilo moi distinto ao de Greta Thunberg, que tan graciosamente caricaturizou Agamben (Quodlibet, 18/11/2019), a alianza de ciencia punteira cunha estridente liberdade persoal é en Preciado un bo exemplo do que poderiamos chamar especialización da carne. Levando ao extremo o que Ortega chamaba “barbarie do especialismo”, Preciado converte a súa vida enteira en corpo, e o seu corpo glorioso, exposto e rechamante (isto é visible ata na foto que acompaña o artigo), na máis flexible e móbil das mercadorías. Lista sempre para estar no escaparate da transparencia global, a vida de Preciado é como a prisión filmada de El show de Truman, pero esta vez cunha exposición estelar que é voluntaria a cada minuto.

descarga (1)Entender ademais a “liberdade” como a posibilidade de intervir sen límites no teu corpo, axudado por unha medicina cara e invasiva, é o máis actual da filosofía do desarraigamento, con respecto a calquera continxencia natal, que primeiro Simone Weil e despois o Comité Invisible, entre outros, denuncian como o eixo subxectivo do sistema. Preciado leva o fetichismo da mercadoría ata a totalidade orgánica e anímica do corpo. A vida enteira persoal é un obxecto manipulable na nova viraxe da biopolítica, aliada a fondo coa medicina. Encantaríalle a Ivan Illich.

Hai que sinalar outra cousa. Alumno e mestra, Preciado e Butler, representan ademais, a nivel intelectual e de imaxe, o que necesita a rancia universidade, tanto en América como en Europa, para presentarse como moderna. Incentivando no seu seo toda clase de experimentos “científicos” de transformación sexual, co discurso deconstrutivo consecuente, a Universidade parece colmar a vangarda. Non hai nada como o sexo para facer dun tedioso departamento universitario un sitio menos fedorento. Se é certo ademais o que Preciado di da súa admirada Butler (a quen pode dedicarlle o libro que, con todo, non pode dedicarlle aos seus pais), estamos diante da confirmación doutra sospeita. Agora resulta que a famosa transexualidade da súa mestra, que non quere ser recoñecida en ningún xénero, solicitou e conseguiu un certificado californiano de “persoa de xénero non binario”. Igual que Preciado o conseguiu, en 2017, do seu cambio legal de sexo. Á pregunta do pai (“E se non é nin un home nin unha muller, que é?”) Preciado contesta rotundamente: “É libre”. Cando o pai replica “Pois vaia negocio, para ese reca’o non fan falta alforxas”, Preciado confesa que os tres rin na pantalla.

Agora ben, con risas e todo pasamos entón dun problema político, esa forma executiva de entender a liberdade como algo netamente construído, a outro maior. Da histeria do recoñecemento civil, que Pasolini denunciaba xa como algo humillante nos anos 70, pasamos agora á necesidade urxente do recoñecemento legal e estatal. Non é un pouco contraditorio ou paradoxal que unha vía radical e minoritaria de liberdade sexual haxa de reclamar o recoñecemento estatal? Os antigos desviados, que tanto admiraba Genet como signo de rebeldía, agora teñen que conseguir ser parte dunha interactiva vixilancia estatalizada? A alianza de sexo e biopolítica parece rizar así o rizo do seu empoderamento. Só fai falta que Preciado pase a engrosar o equipo de Macron, como asesor en minorías sexuais, para que todos tremamos. En palabras de Foucault (Non ao sexo rei): “Resulta temible unha sociedade de rostro sexual”.

2 comentarios en “Etiquetas do eu (I)

  1. Pero, querida, no sei se te decataches. Eu métome moito con esa idea da liberdade que consite en romper con todo o herdado, que escomeza por desarraigarse. Iso para mín é hiper-captalismo. Non teño nada que ver con ese sectarismo narcisista.

  2. Es un placer encontrarte nuevamente por aquí estimado Ignacio:
    Tus entradas siempre son esperadas con afán, y la de hoy, me da pie para mandarle allá donde se encuentre, a mi querido amigo Paco que nos ha abandonado hace un par de años, un cariñoso recuerdo. Era homosexual y siempre lo llevó con orgullo, para mí, era una amiga más y de las fiables.
    Es posible que Preciado heredase de su madre ese talento para el melodrama, pero te aseguro que en ellos, esa capacidad es innata.
    Esa rotundidad en la respuesta a : “E se non é nin home nin muller, qué é ?”
    Me ha encantado. “É libre”.
    Un gustazo, preciado Ignacio. Deseando ser la invitada de tu próximo libro.
    Un abrazo desde Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>