Máis pantalleo e menos postureo

pexels-photo-3779770Óscar Reboiras. A miña nai adoita coller o autobús de liña. Non ten coche, polo que cando precisa facer un recado a Rianxo, ir á piscina ou visitar o médico, vai ata a parada que hai na aldea. Parada é moito dicir, porque non existe nin marquesiña nin algún indicativo. É simplemente un cruce no que para o bus e listo. O caso é que, durante as esperas, tamén se aburre. A miña nai é de chegar con tempo. O problema é que no rural o transporte público tamén se atrasa. Que fai entón? Pois o que facemos a maioría dos mortais.

—Cando noto que Rosa está detrás da fiestra —obviamente Rosa é a veciña cotilla que vive ao lado da parada de autobús—, collo o móbil e míroo. Pantalleo un pouco.
—Mamá, ti tamén? —pregúntolle, sorprendido.

—Home, e logo que pensas?

O simpático do caso é que a miña nai ten un teléfono básico. É un número móbil no que tamén recibe as chamadas do fixo, pero pouco máis. Dispón de teclas grandes, pero non de internet. Así que mentres os demais revisamos o whastapp, o Facebook, o Instagram ou buscamos vídeos en YouTube, ela navega polo menú de contactos, relé os SMS que lle enviou Orange hai dous meses ou accede á cámara de 1,2 megapíxeles.

Fronte ao meu postureo, ela é máis auténtica. Ela escolle “pantallar”. Unha palabra que non pode ser máis acaída. Por un lado faime pensar na Pantalla, na figura típica do Entroido, un demo con cara amable. Unha figura que oculta moi ben a dualidade que representan as novas tecnoloxías, un lugar no que aprender, refuxiarnos, perdernos e tamén perder o tempo. E por, outra banda, a palabra, como non, faime pensar na pantalla que temos diante, no móbil, tableta ou portátil que nos absorbe pero tamén nos conecta coa xente e con outras realidades.

Así, pois, reivindico a miña nai. Visto o visto, podes concluír que o seu pantalleo non é tal. Que o seu móbil é un total aburrimento. Pero se comparo o que fai ela co que fago eu, non podo máis que pensar que, no meu caso, tras mirar fotos e máis fotos nas redes sociais e de ver innumerables publicacións que prometen sorprenderme co que vou descubrir, o único que fixen foi quedar como estaba. Ela polo menos é consciente. Non ten problema en rirse dela mesma e dos que a rodean. O móbil é unha pantalla para o seu verdadeiro divertimento, darlle que falar á veciña que espía detrás das cortinas mentres agarda o autobús. Así pois, máis pantalleo e menos postureo.

5 comentarios en “Máis pantalleo e menos postureo

  1. Oscar: Siempre entendí que, la palabra “pantalleira”, se refería a esas personas que “alardeaban” ser más de lo que eran. Tanto es así que, en muchas ocasiones, algunas personas tenían que escuchar de sus vecinas o amigas… “O que eres ti, é unha pantalleira”. Cierto que a muchos, les absorbe otro tipo de “pantalla”, sobre todo, cuando se trata de “cotilleo”. Sin embargo a otros, les sirve para conectar con familiares y amigos, en determinados momentos.- A mí me ha servido de mucho durante mi ingreso de 10 días en el Hospital, de donde acabo de salir. Y aunque la familia te visitaba, también era de gran utilidad para estar conectada con aquellos amigos que aprecias.

    Me ha gustado tu “Máis pantalleo e menos postureo”.

    Mis saludos desde Palmeira.

  2. Estamos nun tempo que a metade da xente está ” cabismóbil ” palabro que inventei eu para definir á persoa que está atenta ao móbil e non se decata do que pasa ao redor.

  3. Marina, si, é unha palabra moi galega, que usamos moito e que define moi ben determinados comportamentos que xa existían antes que as redes sociais. A miña nai tamén empregar o verbo “pantallar”. É unha mágoa que ningunha desas palabras estea recollida no dicionario da Real Academia Galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>