Falsas teteiras

imagesX. Ricardo Losada. Nunha entrevista televisada, o escritor Vladimir Nabokov asombrou a audiencia contestando con gran brillantez as preguntas mentres bebía te dunha cunca que o xornalista lle enchía reiteradamente cunha teteira que estaba enriba da mesa. Hoxe sabemos que o escritor ruso estivo especialmente brillante porque nesa teteira había whisky. Pero non só iso. Tamén coñecemos que sabía as preguntas con antelación e que contestaba lendo as respostas que tiña escrita nunha cartolina. O whisky, máis que a brillantez intelectual, estimulou a brillantez teatral do autor de Lolita. Ou quizais as dúas. É lóxico pensar que Nabokov escribiu esas respostas acompañado dun bo whisky.

     Todas as nosas opinións son doutros, dicía Pessoa, cunha frase, como a maioría das súas, xenial. Eu, cando menos, non teño ningunha dúbida. As miñas opinións son plaxios ou variacións sobre un mesmo tema doutras opinións. Algo que, lonxe de deprimirme, prodúceme un enorme agradecemento a tantas e tantas persoas (por iso me gustan as citas) que foron perfilando a miña forma de pensar e vivir o mundo. O mesmo Nabokov, por exemplo, cando dixo que pretendía unir a imaxinación da ciencia coa precisión da poesía, abriume todo un mundo de posibilidades que conformou o punto de vista no que me sitúo hoxe sobre a ciencia, a literatura e, xa que logo, sobre o mundo e as relacións humanas. Despois de ler esa frase xa nunca máis volvín ver as teorías científicas como modelos mecánicos e ríxidos, e as frases ambiguas dos poemas como comunicacións imprecisas.

     Ese é o problema que tivo Nabokov naquela entrevista. As súas verdadeiras opinións non eran súas, eran doutros, pero doutros, dada a súa enorme vaidade, que vivían dentro de si mesmo, e que non podía facer falar máis que subornándoos con whisky. Aínda así, esa anécdota suscita un problema máis grave, e que é, probablemente, un dos grandes problemas co que nos imos enfrontar no século XXI. Se antes as persoas experimentaban unha constante ansiedade porque vivían en sociedades represivas, neste século vai suceder o contrario. Cada vez un maior número de persoas van estar ansiosas porque as redes sociais lles esixen expresarse constantemente, e expresarse cun progresivo histrionismo, entendendo histrionismo como aquilo que reclama a atención dun público necesitado de emocións cada vez máis fortes. E as emocións fortes, sabémolo todos, provocan o mesmo tipo de tolerancia que as drogas. Por iso, cada vez que vaias darlle o Gústame a un twit ou a un vídeo de YouTube, debes preguntarlle antes ao teu interlocutor que substancia ten na teteira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>