Poesía inoxidable

BL11C8F1_2295Eme Cartea. Estase a repetir, coma un slogan nestes tempos convulsos de feroz pandemia, que nada hai máis extraordinario que a normalidade. Certamente. Pero tamén é certo que, como aseveraba Proust, a rutina fai invisible o universo cotián volvéndonos insensibles ás evidencias e aos problemas do real. Algo que non adoita sucederlles aos grandes artistas, como é o caso de Soledad Penalta, sempre alerta ao matiz e ao detalle; pero tamén ás grandes evidencias que acostuman pasar desapercibidas.

A súa obra é pura creación na que o proceso -sabiamente salferido- vale tanto coma o resultado final, que acaece inserido nun xogo de tensións entre a frialdade e dureza do aceiro e o arrebato candente da poesía que o baña, entre as formas espaciais da escultura e as temporais da escritura, entre o poema consabido e o obxectual, entre os trazos da tinta e os sucos do plasma abertos na pel distendida.

Obxectos rituais, poliédricos, plurifocais, trenzados de perspectivas cóncavo-convexas nos que a preponderancia da luz se potencia coa penumbra dos íntimos pregues e acrecenta o misterio. Alento anovador de aceiro e agarimo, como un anticipo dun futuro cobizable.

Fervenza tal Ézaro

Obra que abstrae porque, sen ser exenta, esvara en fervenza tal Ézaro despeiteado; ou volcán en acción, capaz de quebrar a tona da terra, que caese ardente, alongado, acuático, móbil, poético, aéreo, caudaloso e musical sobre as nosas costas suadas. Escape emocional que nos arroupase a tal canto coral envolvente.

Talvez cabelos de moza belida atados con fitas de aceiro, ilustrados con versos de amor, entoando cantigas de amigo coma irtas lamias de carro con mil camiños e historias prendidas no abraio dun atardecer. Un saboroso poema coral que conxugase formas e secuencias xeométricas con siluetas de «homúnculos» empeñados nunha ascensión imposible, dende as raizames da fontenla fría ata o cadoiro liberador da melena ao ar, como un símbolo perenne do fracaso da humanidade insolidaria e enfrontada.

Traballo unísono

Meditación inmediata; exaltación da impotencia do home e da muller que loitan, irremediablemente soterrados, no subsolo da esquiva estética humana. Obra irredutiblemente moderna, que reivindica a imaxinación a través da creación nun contexto de horizontes cargados de sosego e abandono. Traballo unísono pero con poder multiplicador temporal, espacial e simbolicamente. Unha sinfonía de ritmos harmónicos, ecos variados e extensos resaibos que conforman unha unidade auditiva e visual.

As esculturas de Soledad Penalta son identidades versátiles que nacen descontextualizadas do real, como conduta estética que lles confire universalidade, e converte o obxecto en signo fecundo e eficaz. Como corresponde a unha prolífica artista definida pola persistencia de longa e fiel traxectoria que converte a dúbida en forza creativa, e o extravío en indagación felizmente atrapada. En palabras de Gamoneda, ter o don de «equivocarse marabillosamente».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>