Manuel Mariño del Río. Cara a 1705, para preservar as costas do Reino de Galicia do ataque dos ingleses, inimigos e piratas, organizouse unha especie de milicia urbana, que carecía de foro militar e de uniforme, chamada caudillato. O seu regulamento de servizo establecía que podían dividirse en grupos -coñecidos como trozos– de 100 homes, distribuídos en cinco escuadras de 20 prazas cada unha. Os mandos ou caudillos elixíanse democraticamente. Cada trozo ou caudillato tiña tres mandos denominados primeiro, segundo e terceiro. Dependían do sarxento maior ou caudillo principal da praza, nomeado ao efecto polo capitán xeral.
Para pertencer a este corpo os veciños habían ser nobres, robustos e íntegros. Cando non abondaban, elixían persoas do común consideradas idóneas, acomodadas e de conduta exemplar, coa obriga de residir preto do caudillato.
Por unha carta de foro en razón do caudillato de Porto do Son, existente no Arquivo Histórico Universitario, con data do 29 de abril de 1729, sabemos que daquela, o caudillato establecido na vila sonense estaba a cargo de José Diego Lamas, desempeñando o seu labor ofrecido ao Real Servizo, coa aprobación dos reis e capitáns xerais e que foi suprimido, agregándoo ao de Corrubedo, nomeando como caudillo un mercador asturiano.
Reorganizando o velado dos fachos da costa desta provincia, os sonenses solicitaron que se revisase agregar o de Corrubedo ao do Son e manteren no seu emprego o devandito José Diego Lamas polas súas coñecidas obrigas, celo e desempeño nos asuntos do Real Servizo e que conservaron os seus antecesores. Así o acordaron e asinaron Rodrigo Antonio Falcón de Ulloa, Andrés de la Torre e Andrés Caruagal.
A garita de vixilancia estaría situada á esquerda da capela da Atalaia que, como sinalaba o cura reitor de Noal, xa existía en 1799, e que «en tiempo de hostilidades sirve de atalayar las embarcaciones enemigas que intenten algún desembarco en la dársena o ensenadas inmediatas a dicho puerto, a cuyo efecto zelan veloces los gefes de gente armada de dicho puerto y que lo son con aprobación del Capitán General del Reino».