Papaventos

cometa2Francisco Ant. Vidal Blanco. Poucas cousas hai tan fermosas como ver voar un papaventos. A súa beleza, con deseños que lles fan parecer fermosas aves exóticas subindo polo ceo, permítenos levar a imaxinación por impensables derrotas, ata onde a corda con que a atamos nolo permite.

Xulio contounos como, hai moitos anos, a súa filla, daquela unha nena, pediulle que dunha viaxe a Grecia lle trouxese, como se dun capricho se tratase, un papaventos. Xa vos podedes imaxinar a súa aventura por todos os mercados e tendas de xoguetes preguntando, improvisando no seu inglés macarrónico para pedilo pola súa definición: un xoguete feito de papel para xogar co vento. Non había maneira, ata que alguén se decatou do que estaba pedindo e desde esa non se esqueceu da palabra grega para o papaventos: Chartaetoú Ou algo parecido. Xulio confésanos que desde aquela tenlle unha querencia especial a este tipo de xoguetes co que pasou moitos horas entretido coa filla, e aínda agora, todos os anos, ha de sacala algún día para pilotala emocionado como un cativo, aínda que a moza o recrimine: “Papá pareces un meniño”.

Hoxe, vendo a uns nenos xogar con elas na praia lembrei un texto de Le Clézio onde se narra a batalla de papaventos que se organizaba nun areal de Turquía, onde os competidores atábanlle á cola coitelas de afeitar, co fin de esnaquizar as dos contrincantes, convertidas así en mortíferas e ciumentas armas contra a beleza.

cometa1Acordounos a anécdota estes días pasados mentres mirábamos o cometa Neowise (que en nada se parece a un papaventos), apuntando cara o horizonte xusto por debaixo da constelación do Carro, unha oportunidade única de velo porque, bastounos saber que non volverá a aparecer por aquí ata dentro de seis mil e pico de anos, para que sacásemos ó balcón prismáticos, telescopios, cámaras e todo canto artefacto nos servise para deixalo arquivado na seseira informática, co fin de facerlle participar de tal marabilla ós nosos netos e ós netos dos nosos netos. E sen embargo, iso que vimos no ceo non se vai distinguir moito do que vexamos a próxima vez que nos visite outro. É o encanto do insólito.

No noso idioma distínguese moi ben ó papaventos do cometa, e na forma tamén. Mais unhas e outras, a de papel e a de xeo interestelar son fermosas para ver e interesantes para xogar cun neno ou para facer exercicios de Física, se a paciencia nos dá para tal. O que nunca me explicarei é como se lle puido ocorrer a Franklin atarlle unha chave a un papaventos, unha noite de tormenta, para capturar un raio, sen medir o risco que corría cos cen millóns de voltios que lle podían caer encima. Non quero imaxinarme se o chega a alcanzar un anaquiño de semellante carga eléctrica, quedaría incinerado sen gastar cadaleito. Sen embargo nunca lle pasou nada. Será a sorte do ousado.

Como queira que sexa, os cometas e os papaventos, naturais e artificiais, sempre provocaron en nós certa atracción, ata converterse, sobre todo o natural, en símbolo do nacemento da vida, coroando a árbore de Nadal ou o pesebre de Belén, aínda cando nin se soñaba coa teoría esa de que un cometa foi quen trouxo a auga á terra e con ela toda a evolución, desde os seres unicelulares ata o máis xigante dos mastodontes.

2 comentarios en “Papaventos

  1. El único cometa que vi en mi vida -más bien una estrella fugaz- lo contemplé la noche antes de Reyes, cuando contaba unos seis años. No dije nada a nadie, pero me fui a la cama convencida de haber visto la estrella que guió a los Magos. Con el tiempo, ese recuerdo me sirvió de ayuda para echar una mano a mi hija de diez años, a la que encontré sollozando a las doce de la noche porque se había olvidado de escribir una poesía sobre la navidad. La tranquilicé diciéndole que por una vez, sólo por una vez, su madre la sacaría del apuro y tendría su poesía escrita por la mañana. Lo peor es que volvió a casa con el primer premio -un magnífico maletín en el que no faltaba de nada al mejor dibujante-, premio que, más que alegrar, nos dejó bastante bajas de moral a la madre y a la hija. Y, por supuesto, el episodio no se repitió. Aquel…, había sido un caso de conciencia.
    De niña no llegué a tener un “papaventos” (será por eso que no conocía el vocablo); sin embargo ayudé a mi marido a construir unos cuantos para nuestros hijos. Aquellos no llevaban hojas de afeitar para fastidiar a los demás, pero lucían unas preciosas colas de colores. A los primeros les costaba un poco subir, pero pronto le cogimos el tranquillo y resultaron la admiración de las playas del entorno. (Conste que exagero sólo una pizca).
    Gracias por tu artículo que me ha hecho evocar bonitos recuerdos.
    Un abrazo.

  2. Benquerido Francisco:
    Non sabía que se chamaban papaventos as cometas. Bonitiño nome.
    O teu xenial artigo fíxome lembrar duas películas, a primeira “Ben – Hur”. Póis, Mesala tamén poñía nas rodas da súa cuadriga aqueles cóitelos afilados para romper as rodas do seu contrincante e antes amigo Judá Ben- Hur. Lewis Wallace igual se acordou do texto de Le Clézio.
    A segunda, “Regreso al futuro”. Robert Zemeckis cando escribeu o guion igual pensou no que fixera Franklin.
    E por último pensei en meu pai. Cando viña de navegar sentábame con el para que me contase as suas experiencias vividas por esos mundos adiante. Era moi simpático e contaba todo con moita graza. A primeira vez que recalou nun porto extranxeiro necesitou sellos (antes escribíanse cartas ) e pidíullos en castelán, como no no entendían díxolle que quería “estampis”, o señoriño quedouse mirando para el e moveu a cabeza de dereita a esquerda en señal de que ignoraba o que lle dicía, entón, meu pai co puño na mesa encima dun papel fixo como si cuñase un selo, e o home contestoulle : ¡ Ah, stamp ! E chegou ao barco con selos para todo o ano.
    Papá era moi divertido, e a mín pingábame a baba escoitando as suas aventuras.

    Todo esto pensei léndote, Francisco. Fóisenos o pasado, e o futuro está ausente, pero o presente aínda e noso, a pesar do que nos está acontecendo.
    Biquiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *